Desde A Madroa até o infinito

María Sabarís - Xornalista


Non nos equivoquemos. O que onte conseguiu o Celta non é comparable co Celta dos Mostovoi, Karpin, Gustavo López, Catanha e cía; o que está facendo este Celta é mérito de moitos anos de sufrimento e moitos menos 'quilates' no equipo.

Aquel era o Celta da abundancia, do comprar, do 'será por cartos', do mirar fóra porque na casa non había (ou mellor dito mirar fóra porque na casa non se cría). E este é o Celta do futuro, da humildade, dos xogadores da casa, das historias de xente nova e gañas de triunfar, sen pretensións e sen millóns. É o Celta do 'Toto' Berizzo, e del porque él é o director de orquestra chave para que todas as pezas funcionen armonicamente. El é o Celta, entende o Celta, sabe a súa historia e respeta a súa fortaleza que pasa sempre pola Madroa.

Que os goles no partido os marcaran dous xogadores da casa, un de Marín e outro de Moaña, non é casualidade, é a consecuencia normal do camiño que para si elixiu o Celta. Dous xogadores, criados na Madroa, que pasaron polas categorías infantís do Celta e que levaron o equipo á Primeira división son agora, cos seus goles, os protagonistas de escribir unha bonita e ilusionante nova páxina na historia do Celta. O que o futuro nos depara queda para a imaxinación, pero chegar até aquí despois de vivir no pozo de Segunda e, sobre todo, no pozo económico -coqueteando coa Segunda división 'B' e con situacións xudiciais e empresariais nada desexables- fai desta clasificación un momento chave para o celtismo.

Que os goles no partido os marcaran dous xogadores da casa, un de Marín e outro de Moaña, non é casualidade

É o momento da liberación, do “si, vou soñar sen medo a espertar”. O Alavés quedou atrás e só podo sacar cousas positivas dese partido, cousas que nos levaron a ver o Celta nuns cuartos de final dunha competición europea por cuarta vez na súa historia. É até aquí a historia repítese, de nós depende que poidamos mellorala.

Berizzo e un home 'empeñado', peleón, que non hai moito dixo que “algún día baterase tan forte na porta que caerá”, e eu vivo convencida de que así será. A liña entre a realidade e os soños non é case nunca unha liña recta pero ao final sempre se atopa un burato polo que mirar máis aló e cumprir soños impensables hai sete anos. Soñemos pois, até que a realidade se empeñe no contrario.

 



x