O momento xusto do Celta

María Sabarís - Xornalista


Esta non está a ser a tempada máis regular do Celta. Certo é, pero hai que felicitar o equipo polo feito de que a estas alturas siga vivo en tres competicións. Vivo na copa, e moito. Vivo na Europa League e vivo na liga. Vivo porque seguimos loitando polas posicións europeas e porque o Celta gañou esta fin de semana pasada no momento xunto para non quedar descolgado.

Hai un momento en que as cousas teñen que pasar para que non sexa demasiado tarde nin demasido cedo e a vitoria contra o Málaga chegou no momento preciso para non descolgarse das zonas europeas e, sobre todo, para comezar o ano coa forza e a atitude necesaria para unha segunda volta que será de seguro moi esixente. O 2017 comeza con dous triunfos importantes polo momento e pola competición. E, sobre todo, por como o equipo gañou, con intensidade desde o minuto un e sabendo buscar o equilibrio, non deixándose caer na relaxación como moitas veces lle sucedeu este ano.

Aspas é o Celta e o Celta debe ser Aspas, deixarse contaxiar pola súa intensidade e garra

Ao Celta os inxenuos poden pedirlle moitas cousas este ano, eu pídolle que loite até o final aínda que iso implique caer na próxima ronda da Europa League ou da copa. Pídolle que non exista a relaxación, que utilice toda esa potencia que ten nos últimos metros para non deixar a vitoria marchar. Pídolle que se perde é porque o rival foi mellor, non porque o equipo se deixou levar. O 2017 ten que ser un bo ano para o Celta porque temos o factor 'Balaídos' ao noso favor e, a excepción do partido do Sevilla, este ano si é, e debe ser, o noso fortín, onde recuperar os puntos perdidos e pechar rondas en dúbida. O partido fronte ao Málaga foi o mellor exemplo. Un equipo forte, con intensidade e decisión nos últimos metros, loitador e aproveitándose do gran momento de Iago Aspas, sen dúbida, nestes momentos, o dianteiro máis en forma da competición. Aspas é o líder deste Celta e a súa misión é guialo até o máis alto cos seus goles e as súas xogadas imposibles coma a do segundo gol contra a escadra andaluza, recuperando balóns xa perdidos. Aspas é o Celta e o Celta debe ser Aspas, deixarse contaxiar pola súa intensidade e garra. Con el todo é máis fácil. E con el o Celta conseguiu unha vitoria importante para seguir conectado coa zona alta da clasificación, esa á que si pertencemos.