O Celta cometeu un erro contra o Villarreal. Só un, pero foi definitivo no cómputo final do encontro. A autoestrada que lle abriu a defensa do equipo a Fornals foi antolóxica e impediulle a Rubén facer algo para frear a imparable cabezada do mediocampista do Villarreal. E, de novo, un erro defensivo, e do novo atrás no marcador, e de novo a vogar contra corrente. A historia infinita do Celta.

 

O problema é que nese vogar faltaron dous remeiros fundamentais para o Celta, os dous capitáns: Mallo e Aspas, Marín e Moaña, peares únicos nos que se sustenta este Celta. O gol do Villarreal chegou nun momento delicado para o Celta e a sensación foi que o equipo non tiña a capacidade para facerlle daño a un equipo que se sabe repregar sen conceder espazos.

 

Brais cumpriu nos minutos nos que estivo no terreo de xogo pero, a diferenza do que ocorreu no Camp Nou, esta vez o Celta estaba obrigado a ter a iniciativa e aí ao canteirán faltoulle máis progresión ofensiva. Sempre é unha boa nova que rapaces da Madroa dean o salto ao primeiro equipo, que entren na normalidade de Primeira con partidos bos ou menos bos, iso é o de menos. O importante é que estean. Brais, pese ao ser o primeiro cambio, non foi dos peores no terreo de xogo. Sisto podería ter pasado todo o encontro sentado nunha banda que probablemente o equipo non o notaría. Sen Aspas no terreo de xogo, contra o Villarreal era o momento de lucirse, de ser líder empurrando o equipo cara arriba pero non foi quen, demasiado precipitado e un desastre nos pases. Estivo fallón e lento, os xogadores do Villarreal nunca o deixaron pensar. O Celta, en xeral, non respondeu como se esperaba tras o gol, faltoulle intensidade e moitas ideas para percutir a defensa amarela que non deixaba ocos facilmente e controlou o partido sen maiores problemas.

 

O problema é que nese vogar faltaron dous remeiros fundamentais para o Celta, os dous capitáns: Mallo e Aspas

 

Na segunda metade, Unzue estivo rápido dándolle saída a Mor, ao que se esperaba xa de inicio, e o equipo veu máis a luz ao final do tunel. O turco-dinamarqués mandou o balón ao pau, deulle dinamismo ao equipo e supriu a falta de ideas e mobilidade do equipo nos últimos metros. Aínda así, a pesar da mellora xeral do equipo, o Celta non foi quen de lograr ese gol merecido en moitos tramos da segunda metade.

 

Unha cousa quedou clara, Aspas é medio Celta e iso é innegable, achégalle ao equipo, mesmo nos seus días malos, máis ideas, presenza e mobilidade que calquera outro xogador. E iso para un equipo como o Celta, sempre de cara á portería rival, é fundamental. A boa nova é que estará de volta para #onosoderbi descansado e cargado de enerxia co motor a punto para o gran partido do ano.  

 

 



x