O Celta pisa o acelerador

María Sabarís - Xornalista


O do domingo fronte ao Athletic non era un partido para especular nin para xerar dúbidas, era un partido para gañar. E así o entendeu o Celta que soubo pisar o acelerador a tempo para deixar o Athletic fóra de xogo e marcarlle tres goles en 10 minutos. Pero como sofrer está no adn do afeccionado celeste, sofreuse, até o asubio final do árbitro.

 

Foi o Athletic o que comezou o encontro cun mellor control sobre o balón e, a pesar de que non foi quen de crear perigo, evitou que o Celta tivese o esférico. A pesar diso, o partido era igualado e animado como adoitan ser os Celta v Athletic. De novo, e xa comezar a ser un costume san esta tempada, o Celta volveu gañar por alto un balón nunha saída dun corner para que Sergi Gómez, cunha parábola marabillosa, puxese o primeiro gol no marcador. É unha gran noticia que o equipo marque goles, e especialmente a través do xogo parado, importante para saber desbloquear partidos moi pechados, algo que se lle resistiu ao equipo nos últimos anos. E, si, ese é un acerto de Unzué.

 

Ese gol de Sergi Gómez deulle ás ao equipo, que se lanzou en tromba na búsqueda de máis, aproveitando o estado de 'shock' dos bilbainos. Non deixou o Celta escapar nin unha acción ofensiva e Aspas, o verso libre do equipo, por dúas veces gañoulle a partida a Unai Núñez para marcar dous golazos 'made in Moaña' e conseguir ademais, o seu tanto número 100. Aspas foi, ademais, de novo o referente do equipo adiante, apareceu pola dereita, pola esquerda e polo medio, sempre con perigo. Foi o líder do Celta e iso sempre significa goles, bon xogo e vitorias. Cando Iago non está, o equipo sofre, fáltalle determinación arriba co balón xogado e non é ese equipo 'machucón' nos últimos metros. A presenza, xa fundamental, de Pablo 'Tucu' Hernández no once deulle ao Celtao control absoluto do medio campo, que soubo frear/acelerar cando o equipo o precisou, especialmente despois do terceiro gol.

 

 

Que o Celta é un conxunto goleador non hai dúbida, é a cuarta escadra con máis goles (22), empatado co Real Madrid. Mais todos os acertos adiante veñen acompañados con dúbidas que se xeran atrás. En xeral o equipo fixo un partido decente en defensa, non moi esixido, mais inclusive cunha vantaxe de 3-1 o equipo semellaba feble en moitas accións á contra do Athletic. Por moitos goles que se marquen a sensación de 'perigo 0' nunca existe nos partidos do Celta e iso contra os Messi, Ronaldo and cía é unha preocupación real.  



x