Atraída polas broncas tuiteiras a raíz dos asubíos en Balaídos, os ovos que seica lle están a tocar a Hugo Mallo e a sequía futbolística na que se atopa o Celta lanceime sen paracaídas a escribir o máis bizarro dos textos contra os 'haters' -poucos- que pululan indiscriminadamente por Balaídos. Todo sen reflexión previa. Acouga. É necesario? Realmente non. Parei. Pensei. É produtivo seguir alimentando un asunto tan infinito como o propio fútbol? Perdes o tempo. Nestes tempos de 'haiterismo' convén recordar todas as cousas que nos unen para non perder a perspectiva do que somos, de onde vimos e cara onde queremos ir.

 

Gustaríame pensar que ningún dos rosmóns se derón de conta que por segunda vez nesta tempada (en liga) o Celta xogou con cinco canteiráns no once inicial. Sergio, Mallo, Jonny, Brais e Aspas. Si, cinco xoias saídas das portas de A Madroa, un lugar que ten que estar chamado a ser a incubadora do presente e futuro do Celta. Un lugar ao que protexer sobre todas as cousas. Aos que aínda soñan con chegar ao primeiro equipo e aos que cada día deixan até o último folgo por defender moi dignamente o noso escudo. Cos días bos, malos e tamén os nefastos. Eles son os que están no terreo de xogo, os que sofren cando o equipo perde e os que loitan cada minuto por darlle alegrías á afección. A Eles aféctanlle os asubios máis que a ninguén. A eles, si. Non aos que están na banda dirixindo. Nin a Unzué nin a Berizzo no seu día.

 

 E o Celta, démonos conta xa, é un equipo que aínda loita por non descender. Europa é un premio, non unha obriga

 

O paradoxal do asunto é que o equipo está nunha situación bastante 'privilexiada' na clasificación, aínda con moitas opcións de entrar en Europa. E o Celta, démonos conta xa, é un equipo que aínda loita por non descender. Europa é un premio, non unha obriga. A irregularidade do equipo este ano é un feito. E a primeira metade contra o Málaga para esquecer, por falta de todo. O equipo está frustrado, sen ideas pero a loita non está en dúbida. As cousas non saen. Seguro que asubiar é a mellor solución? Dubídoo. Porque se anime en Balaídos algunha vez -todos, non só os de sempre- tampouco vai ser o final do mundo. Digo.

 

Entendo que os que asubían, asubían en xeral todo. Tamén o modelo futbolístico e social do club. O Celta ten aínda moitas pingueiras que tapar, principalmente respecto á xestión dos abonados. Vai dando pasos pero queda camiño. O que non me pode negar ninguén é que o Celta é un equipo serio, que deixou atrás a economía 'creativa' e fixo un modelo -empresarial e futbolístico- moi decente. Esquecémonos moi rápido dos tempos escuros, das penurias e das personas que si puxeron en serio perigo a viabilidade do club.

 

Pero se algún merece un recoñecemento dentro de tanta negatividade son as peñas. Elas viven o celtismo. Son o espírito das grises gradas de Balaídos. Os trazos de esperanza, os que non se renden. Os que lideran os cántigos e silencian os apupos, Delas xorde todo, moven á xente, crean viaxes, están alí cando o equipo precisa delas.

 

Hai xente que desfruta co asubío, de toda a vida, da igual a categoría ou a tempada, son parte da fauna local de Balaídos. E seguirán alí pase o que lle pase ao equipo. Deixémolos estar. Pero xa é hora de calalos. Polo equipo e por todo o que nos une. 
 



x