Seguiremos batendo na porta

María Sabarís - Xornalista


E caerá. E un día os goles entrarán. Mil veces. E as bágoas serán de felicidade. Pero a afonía será a mesma. A voz quedará no camiño, unha vítima colateral do esforzo común no recoñecemento dun grupo, dunhas idea e duns valores futbolísticos que nos representan e dos que nos sentimos orgullosos. 

Os escenarios cambiarán, os rivais serán máis fortes e as metas máis altas, pero nós estaremos sempre aí, orgullosos dos nosos. Axudaremos na batalla porque todo 'soldado' precisa dunha man no camiño, que o empurre, que o acougue, que lle ofereza o ánimo necesario na derrota. Onte queríamos saltar todos ao campo, en manda, para levantar esas almas e corpos rotos sobre o céspede de Old Trafford. Miramos ao ceo, a ese infinito escuro buscando unhas respostas que non chegaron. Segundos interminables de silencio e de miradas perdidas nesa última xogada. A escuridade total. E de súpeto, un 'Celta' sonoro, forte, un estrondo no medio da pena. Espertamos. E voltamos berrar e pular até o último folgo no recoñecemento duns 'chavales' que lle amosaron ao mundo o que é a afouteza, o que é a loita, a ilusión e os soños sen estar nas listas dos clubes máis ricos do mundo. A humildade, o esforzo e o 'totismo' leváronnos até aquí. E desde aquí comezaremos de novo a construír soños realistas. Voltaremos a ese minuto 95 e ese gol entrará. E todos eses goles que quedaron polo camiño. 

E un día os goles entrarán. Mil veces. E as bágoas serán de felicidade. Pero a afonía será a mesma

Como cantaría Freddie Mercury, No time for losers because we are the Champions. Só perden os perdedores. As vitorias morais son dolorosas e frustrantes pero fannos grandes soñadores. E os soños son os nosos millóns, a nosa riqueza fundamental. O noso alimento diario. Seguiremos soñando e batendo até que a porta caia polo peso da historia e da afouteza. Sempre a afouteza.



x