Un punto real e tres de moral

María Sabarís - Xornalista


O punto que colleitou o Celta no Camp Nou ten todo de positivo e (case) nada de negativo. Foi un punto coral, ben orquestrado, infinitamente traballado e sen pretensións de nada. O Celta xogoulle ao Barcelona de ‘ti a ti’, non se engurrou, soubo intuír cando tocaba atacar e mirar cara atrás cando a calidade de Messi aparecía pola área. Saíu ao campo decidido a pelexarlle o balón ao Barça e, por minutos, foi superior deixando claro que o Celta non fora a Barcelona a esconderse detrás dun xogo que non é o seu. E fixo un partido intelixente, sempre a través do balón, e baseado na boa organización no terreo de xogo.

 

De novo o Celta foi quen de sacar algo nun campo extremadamente complicado pola calidade dos homes de ataque do Barcelona, que non perdoan nin dan segundas opcións. Si, Messi é imparable, e se o invitas a xogar ao fútbol crécese e créache máis problemas dos que até o de agora tiña creados. Foi un gran partido do arxentino e iso dálle máis mérito ao esforzo do equipo. Os goles de Messi e Suárez, sendo realistas, son inevitables. É tal a velocidade que lle imprime o astro arxentino á xogada do segundo gol, que é directamente imparable. El só basta para iniciar e finalizar a xogada, os demais non poden facer máis que ir ao seu compás.

 

O Celta xogoulle ao Barcelona de ‘ti a ti’, non se engurrou, soubo intuír cando tocaba atacar e mirar cara atrás cando a calidade de Messi aparecía pola área

 

O partido foi, ademais, perfecto tacticamente e niso, de novo, volveu ter a culpa Unzué, que segue a gañar adeptos semana a semana. Nin el nin a afección lle pode pór unha péga ao equipo, especialmente en defena. A Cabral apenas se lles escaparon balóns, atento cos pés e coa cabeza foi quen de manter a posición e cortar balóns fundamentais. Entre el e Rubén frustraron a maioría de ocasións dos culés e evitaron ese terceiro gol que tería sido chave no encontro. Rubén xogou un gran partido para reivindicarse e asegurar aínda máis a súa titularidade. E que dicir do partido de Wass, non deixou de correr pola banda, volveu amosar que aínda segue a ser un gran lateral dereito e a súa proxección en ataque voltou ser determinante para o equipo. Cando a baixa de Jonny semellaba un gran handicap para o equipo apareceu o danés para cubrir a súa ausencia á perfección.

 

Rubén xogou un gran partido para reivindicarse e asegurar aínda máis a súa titularidade

 

Esa solidez e atención en defensa estivo intimamente ligada a un gran partido na dianteira. No que vai de liga ao Barcelona só foran quen de marcarlle 5 goles en 13 partidos, o Celta fíxolle dous nun partido perfecto dos homes máis adiantados do Celta. A dupla Aspas-Maxi viviu unha mañán máxica, até o de agora os dous dianteiros deixaran algunhas dúbidas no seu entendemento no terreo de xogo. En xeral cando un brilaba o outro pasaba case desapercibido. E contra o Barcelona o entendemento foi total, Maxi seguiu a Aspas no seu descaro e sempre estivo, como bo dianteiro centro, perfectamente situado diante de Ter Stegen. No segundo gol o alemán non puido facer nada ante a gran definición do uruguaio.

 

O empate que o Celta trouxo para Vigo é moito máis que un só punto en moitos aspectos. Ser quen de 'roubarlle' ao Barcelona os primeiros puntos da tempada na casa é un pulo ao bo momento do equipo. Este mes de decembro, no que aparentemente se concentraban os partidos máis complicados do equipo na primeira volta, comeza con bo pé, sacando ganancia no máis difícil dos encontros. Este resultado abre a porta para visitar Mestalla o próximo fin de semana coa confianza necesaria para non renunciar a nada. 

 

 

Área de anexos

 



x