O hiperreducionismo lingüístico –en cantidade e calidade- que nos envolve lévanos á escoita permanente dunha expresión moi á moda, tan habitual e descontextualizada como baleira de contido específico, un significante sen alma de significado ou con múltiples significados de caixón de xastre adornados de todos os depende posíbeis.

En plan… Xa saben… Así, en plan… E xa veremos en que queda a conversa ou monólogo despistante…

Mais eu hoxe estoulles a escribir así, en plan… o non artigo, en plan… digamos… o artigo que non quixera escribir, mais aínda é preciso.

O meu plan hoxe é falarlles do Plan, do Plan con maiúsculas, do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que este 24 de xaneiro celebrou –ou celebraría- o duodécimo aniversario da súa posta en marcha oficial, o que descubro pola entrada do perfil de Suso Díaz, bo amigo das redes sociais, mais que foi invisíbel en ningún outro foro virtual ou espazo informativo.

E dicimos celebraría porque non é doado saber se a súa vitalidade, que non vixencia, está pronta para recibir o noso enfático e eufórico cantar de parabéns ou resistir a ventada social ao apagarmos as súas candeas de aniversario, no caso de aínda estaren en condicións de prenderen.

Por acaso acontece que unha, ás veces, xa non sabe se o pasado próximo é pretérito perfecto ou aínda imperfecto e, polo tanto, susceptíbel da actualización propia do presente continuo porque coas vontades topamos.

En setembro de 2004, o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, logo de máis de dous anos de traballo marcado pola natureza social e participativa do mesmo, como foro de encontro das voces máis representativas vinculadas á lingua galega. Finalmente, froito dun importante labor de debate e consenso viron a luz catrocentas corenta e cinco medidas de apoio concreto á lingua galega, para a súa restauración nos diferentes sectores sociais, tendo en conta como teito legal a Lei de normalización lingüística, orientadas a uns fins concretos, recollidos no prólogo asinado por quen naquela altura detentaba a responsabilidade da presidencia da Xunta de Galiza, don Manuel Fraga Iribarne:

  • Informar e poñer en práctica unha serie de medidas que permitan a recuperación de falantes.
  • Procurar unha maior dignificación da lingua.
  • Asumir a lingua galega con naturalidade, sen ningún tipo de imposicións.

A estrutura deste Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega permite, para cada sector individualizado, visualizar unha diagnose do mesmo a partir da detección de puntos fortes e débiles para, consecuentemente, ofrecer diferentes grupos de medidas que permitan alcanzar os obxectivos predeterminados e que, con certeza, doce anos despois cumpriría estarmos revisando e actualizando.

Para o sector que tanto nos (pre)ocupa, Educación, familia e mocidade, este Plan Xeral detectou no seu día, entre outros, os seguintes puntos débiles:

  • Na actualidade, o sistema educativo non consegue dotar o alumnado dunha boa competencia oral en galego.
  • Maioritariamente, o nivel de aprendizaxe do galego por parte do alumnado é claramente inferior ao acadado no castelán, de maneira que o sistema educativo non está a responder ao mandado legal de formar cidadáns cunha competencia semellante nos dous idiomas oficiais.
  • Obsérvase a existencia de prexuízos e de actitudes negativas en relación coa lingua galega que dificultan o emprego habitual do galego no contexto escolar.
  • Non está garantida a competencia lingüístico- comunicativa de todo o persoal escolar (docente e non docente) para poder exercer o seu labor en galego.
  • É insatisfactoria a formación do profesorado para comprender a situación sociolingüística de Galicia e para participar en actividades de planificación e dinamización lingüística.
  • Na maioría dos centros non existe unha auténtica planificación lingüística e nalgúns mesmo se incumpren os mínimos obrigatorios de docencia en galego.
  • Aprovéitanse pouco as sinerxias entre o ámbito escolar e o extraescolar para pular pola normalización da lingua galega.
  • As carencias no uso escolar do galego afectan, de xeito especialmente grave, as primeiras etapas educativas e a aprendizaxe da lectura e da escritura.
  • O uso do galego na docencia e na investigación que se realiza nas universidades galegas é cativo e esta escaseza maniféstase especialmente en certas titulacións e áreas de coñecemento.

Tomando como referencia a LNL e mais o PXNLG é como naceu o Decreto 124/2007 que, por considerar prexuizosamente impositivo o goberno do PP ao promover unha oferta positiva para o galego como corresponde a unha lingua minorizada, renegando do seu voto favorábel aos dous documentos citados, derrogou unilateralmente, obviando o necesario e democrático consenso e ignorando a opinión de todos os sectores educativos, para o substituír polo vixente Decreto 79/2010 que, en ningún momento, cumpriu a súa propia letra, como é o caso do seu mandato avaliador que di textualmente:

Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellería competente en materia de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Infelizmente, analizando aqueles puntos débiles de hai máis dunha década, desde calquera das arestas e axentes que conforman o corpo vivo da escola galega, non é posíbel concluír o seu avance ou resolución positiva para a educación e aprendizaxe da sociedade galega na súa propia lingua. No entanto, si é obxectivo constrastar a involución no seu uso, como lingua inicial ou habitual, entre outros factores, pola falta de exposición á súa aprendizaxe e mais ao seu uso social e a inacción dunha política lingüística consonte coas necesidades reais.

Cómpre que a sociedade que sente afecto polo galego recupere e contaxie o pulso, o músculo e o corazón por cada latexo inconformista do idioma

Nesta altura en que o inmobilismo político oficial a respecto do presente e futuro do noso idioma –como o da demografía ou o do desenvolvemento produtivo galego- é notorio, cómpre que a sociedade que sente afecto polo galego recupere e contaxie o pulso, o músculo e o corazón por cada latexo inconformista do idioma, como sempre soubemos facer, convidando e promovendo complicidades afectivas desde propostas proactivas, empáticas e en positivo. 

Porque sabemos por experiencia que as leis e os regulamentos son tan precisos como insuficientes, mais é imprescindíbel un sólido corpo social capaz de nos soñar e imaxinar en futuro.

Non renunciamos a remudar a pel da nosa lingua para que acompañe os pasos das novas xeracións nun proceso de natural adhesión social. Mais tampouco nos conformamos con agardar pasivamente a que o curso da historia nos devolva, canda unha puntual seca,  as palabras de noso, únicas, inmóbiles, como foto fixa dun obxecto perdido semellante a tantas aldeas, vilas e castros asolagados ou petróglifos devastados. 

O futuro non nolo perdoaría! Velaquí o noso plan!



x