De disques e seiques está o mundo cheo é unha expresión ben aprendida na nosa casa en boca de miña nai, moi pouca amiga de incertezas rexoubeiras.

Andar con disque disques; o disque é irmán do seique; non é disque nin seique son outros dos moitos exemplos da fraseoloxía popular da verdade que convido a acrecentar rebeirando na súa memoria ou tirando da lingua a quen máis sabe dela e da súa riqueza semántica.

Porque hoxe aquí quen nos convoca é a verdade. A veracidade dunha historia narrativa real, dun tempo, duns espazos e duns personaxes, con nomes e apelidos, que trascenden o que podería ser a lectura dun novo libro de ficción.

A lapela de seique, da autoría de Susana Sánchez Arins, tamén non engana, pois anuncia o que o libro non é: nin poemario, nin romance, nin ensaio, nin pesquisa histórica. 

Que é o que é, entón, preguntamos? Se cadra vén ser un bocado de todo, un bocado da vida en que nada está tan compartillado nin etiquetado.

Cadaquén optará pola súa preferencia lectora, polo encadre nun ou noutro xénero, mais con certeza confluirá en que estamos ante un exercicio valente de memoria, de reconstrución da memoria de familia que tamén fai parte do colectivo.

os silêncios da avó glória nunca deram ocultado de todo o acontecido.

mas quase.

Non estamos ante máis un relato da guerra civil e das súas consecuencias, ben máis sanguinarias, senón diante dun testemuño de vida familiar

É por iso que non estamos ante máis un relato da guerra civil e das súas consecuencias, ben máis sanguinarias, senón diante dun testemuño de vida familiar intrínseco á propia autora, isto é, un exercicio de investigación para espir o verdadeiro tío Manuel, atroz alcalde falanxista da comarca do Salnés, vivo nos elos da cadea da memoria de segredos de toda a familia, mais absolutamente silenciado nos arquivos da historia e, consecuentemente, de nome indemne da barbarie inflixida por el á súa familia e á veciñanza que, como unha ladaíña, no eco do teatro clásico ou castelaniano, remove o coro.

Se foi assim de mau com os irmãos e irmãs, como seria com os de fora…

A familia, esa artesa da memoria, depositada nos fíos de voz das mulleres transmisoras e tamén nos silencios medoñentos e nas frases inacabadas, nos disques e nos seiques, é precisa para alcanzar a fin precisa, a reconciliación, no interior da propia familia falanxista e no exterior, cando o destino de vida provoca o encontro entre os sucesores das dúas partes: o asasino e o asesinado, ambos necesitados do esclarecemento da verdade. 

A familia, esa artesa da memoria, depositada nos fíos de voz das mulleres transmisoras e tamén nos silencios medoñentos e nas frases inacabadas

A recuperación da memoria do tío Manuel, a avoa Gloria, os bisavós e as bisavoas, o avó Camilo, o tío Xosé fica reconstruída nestas páxinas a través dunha arquitectura complexa que entretece, desde o claroscuro do contraste de silencios, os retallos de memoria familiar que a autora conseguiu apañar para os compartir colectivamente nun exercicio de escrita valente e decidido que axude a sandar as feridas no seo familiar, para poder afrontar o duro tránsito socializador.

Unha trama interna, edificada na dor máis íntima que máis custa verbalizar e, por iso, tamén a máis precisa, arroupada no realismo das voces da memoria protexida pola literatura oral.

A memoria de morte silente que gardan as árbores onde tantas vidas foron fusiladas invoca, nesta lectura intensa, a procura da transparencia viva como semente da verdade das palabras, porque, en palabras de Juan Gelman, a memoria axuda a cerrar as feridas do pasado.