A Emilio Cao, mozo galego migrante, estudante de Filosofía na USC e militante exemplar de Anova e da organización independentista e comunista xuvenil Xeira. A Fiscalía pide pra el 5 anos e 8 meses de cadea. Foi detido xunto a unha vintena de persoas nas violentas cargas policiais producidas durante as Marchas da Dignidade celebradas en Madrid no 2014. Ás vítimas todas da represión e do xiro autoritario do Réxime do 78 (mozos de Altsasu, Alfon, Pablo Hásel, tuiteiros, titiriteiros, rapeiros e demais defensores da liberdade de expresión, aos “Jordis”, Oriol Junqueras  e Joaquim Forn…) e a todxs xs exiliados e presxs políticxs, tamén galegxs, nas cadeas españolas desde 1936.

 

 

Felipe Juan Pablo Alfonso de Todos los Santos de Borbón y Grecia acaba de cumprir en datas recentes 50 anos de vida regalada. A tal efecto, a maioría das grandes cabeceiras incluíron anuncios de felicitación das principais corporacións multinacionais españolas, coma o Banco Santander, Iberia, Iberdrola ou Telefónica, mostrando de maneira gráfica cal é o papel que xoga no deturpado sistema político actual unha institución tan anacrónica e antidemocrática como é a Monarquía. O monarca actúa coma defensor, promotor e valido dos que mandan, dos realmente soberanos: unha oligarquía empresarial de estreitos lazos familiares coa vella rede e elite económica franquista que deu sobrados exemplos de levar a cabo comportamentos corruptos, corruptores e espoliadores das arcas públicas nos últimos anos (1). Algo que, por outra banda, é consubstancial á dereita española e práctica habitual desde tempo inmemorial, pero que no século XX afonda as raíces no réxime totalitario e corrupto instaurado pola forza logo do xenocidio contra as clases populares e o intento de exterminio das nacións no 36. É recomendable un traballo investigador, convertido en ensaio, do catedrático Ángel Viñas sobre a súa natureza cleptocrática nun episodio histórico concreto que ilustra o seu proceder, eminentemente traidor aos intereses xerais: “Sobornos, de cómo Churchill y March compraron a los generales de Franco” (Crítica, 2016).

 


Con motivo da efeméride a Casa Real despregou, coa inestimable axuda dos medios de propaganda propiedade deses mesmos capitais (ademais de capital copropietario provinte do stablishment da ditadura financieira global), unha intensa campaña de márketing político e lavado de imaxe destinada a “humanizar” á Familia Real. Máis alá dunha profusión de loas grandilocuentes por parte de lexións enteiras de opinólogos en prensa escrita, radio e televisión chamou a atención un vídeo distribuído a través dos medios dixitais onde se mostra o “matrimonio real” e as súas dúas fillas desempeñando un exercicio cinematográfico consistente na suposta práctica cotiá dunha vida humilde, austera e, á fin, asimilable á de calquera outra familia da ilusoria “clase media española”. Nin a mellor das superproducións de cine do mundo, nin sequera o insigne Stanley Kubrick, podería agochar que foi unha actuación descaradamente artificial e esforzada por dar continuidade ao relato da “campechanía”. Os fastos remataron coa imposición do “Toisón de Oro” á pretendida sucesora da Coroa de España, valorado en cincuenta mil euros e a máxima distinción que pode outorgar o monarca.

 

Nin a mellor das superproducións de cine do mundo, nin sequera o insigne Stanley Kubrick, podería agochar que foi unha actuación descaradamente artificial

 

Felipe VI recibira a encomenda de continuar o reinado da Casa de Borbón de maneira precipitada logo da abdicación dun Juan Carlos I que se viu envolto nunha serie de escándalos sobradamente coñecidos (e que non deixan de ver a luz hoxe: “Un sector de la policía vincula al rey Juan Carlos con el Caso Pujol”) nun contexto de Crise de Estado motivada pola corrupción estrutural  dos partidos e a xudicatura, a creba do pacto social, o auxe electoral de forzas populares e o conflito mantido con Catalunya desde hai dous lustros. Presións internas e internacionais provocaron a súa caída en desgraza. Sobre o percorrido histórico do rey emérito, e o seu xeito de usar a xefatura do estado en absoluto e descarnado beneficio propio con total impunidade (consagrada constitucionalmente) desde a chegada ao trono por designio de Franco, publicou a galega Rebeca Quintáns algo magnífico: Juan Carlos I. La biografía sin silencios (Akal, 2017). Algo que debería poder lerse en todas as bibliotecas e colexios públicos se houbera unha mínima promoción da liberdade e da conciencia democrática.

 

A encomenda a Felipe VI foi clara: perpetuar a continuidade histórica da liñaxe e o que isto significa, ao custe que sexa preciso. A institución monárquica non só é incompatible co desenvolvemento da democracia plena porque parta dunha ilexitimidade de orixe, aínda que os poderes conspirasen para lexitimala (Adolfo Suárez reconoció la manipulación del Referéndum Constitucional para consolidar la Monarquía ). Parte da asunción de que non todos os cidadáns somos iguais ante a Lei e incorpora os valores dunha estrutura social e estratificación de clases piramidal onde as relacións de poder son asimétricas por dereito natural e/ou divino. É incompatible coa democracia porque nega, ontoloxicamente, as soberanías aos pobos. Algo que combate con todas as armas potestativas ao seu dispor, culturais incluídas. É incompatible porque é tradicionalmente unha Monarquía Católica e nega, na práctica efectiva, a pluralidade confesional e o laicismo. É tamén incompatible coa democracia porque actúa coma clave de bóveda dun sistema económico necesariamente capitalista, pero non de mercado libre: o monarca, e a vella e nova aristocracia que o rodea e presta vasalaxe, reparten favores e dádivas, privilexios e castigos.

 

A encomenda a Felipe VI foi clara: perpetuar a continuidade histórica da liñaxe e o que isto significa, ao custe que sexa preciso

 

E tamén é incompatible coa democracia porque usa permanentemente os resortes da súa influencia para confundir discrecionalmente os intereses estritamente persoais e familiares cos intereses colectivos. Co paso do tempo o gran público foi coñecendo que a Casa Real cumpría a Constitución alí onde lle beneficiaba, mentres a incumpría precisamente alí onde a limitaba.

 

Para isto non se dubida nunca, seguindo a doutrina d´O Príncipe de Maquiavelo, en facer da Razón de Estado un valor supremo: sexa legal ou ilegalmente, lexitima ou ilexitimamente, proporcional ou desproporcionadamente, de maneira ética ou despótica, prima sempre a Razón de Estado e que se perpetúe o sistema monárquico por riba de todas as cousas, ligando a sorte da única nación posible coa sorte da Coroa: sexan estas a vida, a xustiza (impartida no nome de El-Rei) ou a/s liberdade/s públicas se é preciso.

 

Felipe VI, o monarca do golpe permanente e do 155. O monarca reaccionario e autoritario:

 

Cousa peor ca ilexitimidade de orixe da que falamos anteriormente é a manifesta ilexitimidade de exercicio desde que Felipe VI accedeu ao trono. Xa desde o Golpe de Palacio na fracasada XI Lexislatura, a do fin da orde bipartidista, prestándose aos intereses do Partido Popular e non propoñendo a investidura de Mariano Rajoy.


No canto de optar por aproveitar en beneficio propio un auto-golpe nostálxico fascista, para logo “detelo” e que isto o presentara ante a sociedade coma “salvador de la democracia” como aconteceu o 23-F de 1981 (aínda que fora un aviso a navegantes e, na práctica, un freo ao proceso democratizador nacente), o novo monarca actuou á inversa: usou, con todos os resortes de poder ao deu alcance, a mobilización popular e as lexítimas aspiracións democráticas dun pobo para levar a cabo un duro peche reaccionario. Juan Carlos I escenificara a operación de “salvador” en traxe militar. Felipe VI intenta presentarse como “salvador” ante un suposto “golpe de estado catalán” vestido de civil. Proba fidedigna de que tanto monta, monta tanto: a continuidade, no substancial, é herdanza do único golpe de estado realmente existente e consumado que houbo no seu día, o perpetrado contra a II República por un pequeno núcleo de militares e conspiradores fascistas dispostos a aniquilar centos de miles de persoas (moitas das cales continúan soterradas en cunetas á espera dun descanso digno) contando co apoio político, económico e militar entusiasta de Hitler e Mussolini para logo restaurar a Monarquía. Nun primeiro momento, constitucional. Hoxe en día collen dúbidas razoables acerca do seu carácter constitucional: principalmente porque boa parte dos seus consensos están rotos. Un deles, non menor, o encaixe constitucional dunha nación coma a catalá.

 

O reinado de Felipe VI iníciase, polo tanto, cun xiro reaccionario. A súa ventá de oportunidade xeracional para lexitimarse

 

O reinado de Felipe VI iníciase, polo tanto, cun xiro reaccionario. A súa ventá de oportunidade xeracional para lexitimarse, Catalunya. O 3 de outubro de 2017, logo da temeraria e violentísima intervención policial-militar do día 1, decantouse por arrombar o seu papel constitucionalmente atribuído de árbitro e moderador. Nun ton agresivo como nunca se vira na historia recente, similar ao dun ditador latinoamericano de medio pelo, sacralizou o “a por ellos” como vía de resolución democrática de conflitos apropiándose da interpretación rigorista dunha Carta Magna que permitía lecturas máis flexibles en favor da convivencia. Alentou as seculares e atávicas baixas paixóns anti-catalás nunha mensaxe de odio vernizada de patriotismo constitucional. Unha gran irresponsabilidade que o converteu, de facto, no monarca que sacrificou a sempre precaria separación de poderes dando directrices claras ao executivo, lexislativo, xudicial e mediático, os cales souberon actuar en consecuencia (2). Foi unha intervención para disciplinar principalmente o bloque monárquico (PP-PSOE-Cs) e sectores da esquerda ou do nacionalismo vasco (ver actitude maioritaria do PNV nestes meses). E abofé que o conseguiu. 

 

O resultado: incrementar a distancia respecto aos socios dun sistema inadaptado ao marco europeo no funcionamento parlamentario, sen control sobre lobbies e a súa economía, e cun poder xudicial dependente da arbitrariedade partidista e da gobernación. Algo que se acentúa enormemente coa crise catalá. É dicir: un estado do Sur de Europa que, segundo The Economist, está a piques de perder o status de “democracia plena” e de converterse nunha “democracia imperfecta” asimilable a, poñamos por caso, Turquía. Co Leviatán españolista e monárquico desatado só pode agardarse que continúe a razzia ideolóxica contra boa parte dos representantes pasados, presentes e futuros do pobo catalán, pero tamén dos demais pobos peninsulares. A aplicación do artigo 155, que significa na práctica un estado de excepción non-declarado, é un caixón de xastre que serve para reprimir sen ningún tipo de garantía a todo aquel que disinta da concepción monárquica do estado. A evolución felipista do Réxime do 78 ameaza con avanzar cara algo peor ao coñecido, acompañado de ameazas veladas e explícitas duns representantes políticos mafiosos, encarceramentos, inhabilitacións, prohibicións, populismo punitivo e ata ilegalizacións de organizacións e partidos chegado o caso. É a Razón de Estado. É a Coroa.

 

A aplicación do artigo 155, que significa na práctica un estado de excepción non-declarado, é un caixón de xastre que serve para reprimir sen ningún tipo de garantía a todo aquel que disinta da concepción monárquica do estado

 


Está quedándolles unha “democracia” moi aquelada, un “marco de convivencia” que expulsa a millóns de persoas dos seus, xa de por si, estreitos marxes.

 

Logo de parabenizar novamente a Felipe VI polo seu 50 aniversario, algunhas cuestións para rematar:

 

-está vostede orgulloso de inaugurar simbolicamente o seu reinado cunha mensaxe de odio cara parte dos seus non-súbditos o día 3 de Outubro de 2017, dous días despois de producirse un nivel de represión contra a cidadanía libre e pacífica moi poucas veces vista en Europa Occidental nas últimas décadas, cando participaban nunha votación 2 millóns de persoas? E de que aqueles feitos criminais abrisen os telexornais en todos os continentes?

 

-é quen de mirar aos ollos ás súas fillas logo das imaxes que puidemos ver nas rúas de Catalunya o 1 de Outubro con centos de feridos, algúns moi graves (de toda clase, idade e condición)? vostede xustificouno, voltaría a facelo? A súa Coroa e posición de privilexio ten máis valor cá vida e vontade pacífica dos cidadáns libres?

 

-non lles cae a cara de vergoña cando falan de presos políticos noutros países lonxanos (selectivamente) mentres manteñen en prisión preventiva, e sen xuízo, Jordi Sánchez, Jordi Cuixart, Oriol Junqueras e Joaquim Forn

 

-por que non se exilia e deixa de ser un obstáculo para o desenvolvemento democrático? Lembre que estes feitos o acompañarán durante todo o (ogallá curto) reinado. 

 

Esta é a súa escravitude. Nós, sempre ceibes. 

Liberdade, presos políticos! 

Forza, Emilio Cao!

 

Notas: (1) "IBEX-35, una historia herética del Poder en España". Rubén Juste (Capitán Swing, 2017); (2). Informe do Consello de Europa que deixa claro que o Reino de España actúa practicamente como un estado falido en relación ao seu funcionamento parlamentario e xudicial.
 



x