A campaña de publicidade institucional da Xunta de Galiza para o 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia machista, é inaceptábel. 

 

‘O máis grande de Galiza non se maltrata?’, e logo o pequeno si? Que nos quere dicir o Goberno galego facendo un paralelismo entre as mulleres e os monumentos patrimoniais máis senlleiros das cidades galegas? Que somos parte dos reclamos turísticos do noso país?

 

Non hai por onde collela. Desde ningún punto de vista. Mais hai que dicir que a campaña non é nova e que reproduce as mesmas ideas paternalistas doutras campañas anteriores, a comezar pola do 8 de marzo deste mesmo ano. Entón quizais o problema non é a campaña senón a forza política que sostén o Goberno. 

 

Non hai por onde collela. Desde ningún punto de vista. Mais hai que dicir que a campaña non é nova e que reproduce as mesmas ideas paternalistas doutras campañas anteriores

 

Así as cousas, agora que temos posto o foco no asunto, non desviemos a atención. A comunicación institucional e, entre os seus elementos, a publicidade son unha ferramenta útil, se a usamos ben. Exemplos de bon facer hai e non temos que ir por eles moi lonxe. O Concello de Pontevedra decidiu usar a súa publicidade institucional para remexer conciencias interpelando directamente o conxunto da sociedade cun sucinto: PUTA, BURRA, PORCA, en 2014. Así, directo aos nosos acomodados e autocompracentes estómagos. Estratexias propias do guerrilla marketing que conseguen tecer realidade e creatividade logrando un grande impacto. Aquela campaña ultrapasou os soportes convencionais e percorreu os medios de comunicación de todo o estado da man da responsábel da área de Igualdade municipal, Carmen Fouces, que explicaba de vagar como a violencia machista nunca comeza cunha paliza e si cun insulto tan normalizado como agresivo. PUTA. BURRA. PORCA. 

 

O Concello de Pontevedra decidiu usar a súa publicidade institucional para remexer conciencias interpelando directamente o conxunto da sociedade cun sucinto: PUTA, BURRA, PORCA, en 2014

 

Esa campaña abría o melón e ao ano seguinte o insulto pasou a unha agresión narrada en formato denuncia. O Concello sacou á rúa as declaracións xudiciais de mulleres en situación de violencia machista. Os empurróns, o menosprezo, os golpes, as ameazas, a violencia psicolóxica e a física… penduradas dun MUPI (Mobiliario Urbano Publicitario Industrial) no medio da cidade. Á vista de todo o mundo, non só das mulleres, tamén dos homes que reproducen comportamentos machistas, violentos, agresivos, misóxinos. 

 

Porque a publicidade ten que ter claras dúas cousas: o público obxectivo e a mensaxe. Que queres dicir e a quen vai dirixido. Ollen de novo o cartaz da Xunta. Que ven? Eu nada. 

 

Non vexo nada alén dos mesmos estereotipos patriarcais de sempre e un cheiro a alcanfor paternalista que rezuma. Coiden as mulleres porque son máis grandes que a Muralla de Lugo e, ademáis, son as que nos coidan a nós. Nais, aboas. E nesa categoría levamos pechadas séculos. Iso si, nin rastro da violencia machista que nos asasina, humilla, oprime, viola e somete de múltiples e moi diversas formas cada día. E por suposto, nin rastro do suxeito responsábel desa violencia.

 

A publicidade ten que ter claras dúas cousas: o público obxectivo e a mensaxe. Que queres dicir e a quen vai dirixido. Ollen de novo o cartaz da Xunta. Que ven? Eu nada 

 

Para cando publicidade institucional que poña o foco nos homes? Que desnaturalice a violencia, que visibilice comportamentos machistas absolutamente normalizados. 

 

A publicidade non vai acabar co machismo, pero pode facelo visíbel. Deixen xa de reproducir a mesma ladaíña de sempre, de pór o foco nas mulleres e muden o guión porque os que nunca aparecen na publicidade son eles. 

 

Sabemos das consecuencias da violencia machista, pero: que hai das causas?

 



x