Porque son as que educan aos seus fillos no machismo.

 

O outro día estaba nunha comida, un compromiso no que me tiven que sentar con xente descoñecida. Unha muller, que falaba de machismo e nun principio parecía bastante sensata, soltou a seguinte afirmación: “é que as mulleres son as máis machistas”, e comentou que tiña unha amiga con tres fillos; que cando ían de vacacións ela facía en total cinco maletas, as dos fillos, a dela e a do marido. E esta muller dicía que sempre lle recriminaba á súa amiga que era parva e que se os fillos non facían as maletas era porque ela non lles ensinara a facelas e porque llelas preparaba igualmente. Para rematar, dixo que as mulleres, como son as que educan, son as que fan que se perpetúen os roles machistas. 

Todo este discurso, que tantas outras veces escoitei, a min paréceme perigosísimo, por estes dous principais motivos: 

 

1.-Deixando claro que por suposto estou a favor da custodia compartida, chámame a atención, e téñoo comprobado, que as mesmas persoas que se queixan de que a lei sempre favorece á muller (“pobre pai, tan bo pai que é, e a muller quédaselle cos fillos, non hai dereito!”) son tamén as mesmas que afirman que como as mulleres son as encargadas de educar á descendencia, se eses fillos saen machistas é sobre todo pola súa culpa. En que quedamos? Non ten o pai a mesma responsabilidade sobre a educación dos fillos? Despois sorpréndenos que quede a nai coa custodia? 

 

2.-Púxenme a pensar no momento no que a min me aprenderon a facer unha maleta (falo en impersoal, pero seguramente tod@s esteamos pensando en cando A MIÑA NAI me aprendeu a facer unha maleta).  A resposta é: nunca. Tampouco nunca ninguén me dixo como se pelaba unha pataca, nin que antes de pasar unha fregona hai que varrer. Son cousas que con vontade se van aprendendo por sentido común. Se a este marido e a estes fillos non lles sae das narices facer unha maleta, será pola súa propia inutilidade, e non porque a pobre muller non lles explicase: “tes que meter calzóns, polo menos tantos como días vaias estar, calcetíns, porque non vas estar unha semana cos mesmos, camisetas porque as súas, e pantalóns porque se manchan”.  Non sei a vós, pero a min dáme a risa pensando nalgo así de ridículo. 

 

E volta ao mesmo. Isto, coma sempre, é outro xeito de culpar á muller de todos os males.  Non podo crer que nun escenario onde a muller fai cinco maletas, das cales só unha é a súa, e catro homes están sentados no sofá mirándoa, sexa a muller a máis machista. 

 

 



x