Imaxinémonos que nun futuro, non moi afastado, temos un réxime distinto, cunha Constitución distinta, e que os profesores de Historia teñen que explicarlle a Carta Magna do 78 aos seus alumnos. Se lles falan do artigo 47, do dereito a unha vivenda digna e adecuada, de que os poderes públicos proveerán para facelo efectivo impedindo a especulación do solo; do artigo 128 ou da subordinación da riqueza ao interese xeral; do artigo 129 que di textualmente que os poderes públicos facilitarán “o acceso dos traballadores á propiedade dos medios de produción”; do artigo 35, dunha “remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia”; do artigo 40, do desenvolvemento dunha “política orientada ao pleno emprego”; do 44, da promoción da cultura, a ciencia e a investigación; do artigo 45, da protección do medio ambiente; ou do 49, da atención a persoas dependentes, etcétera; e non lles aclaran que moitos deses artigos eran “concesións absolutamente semánticas”, que “iso da intervención e da planificación son bromas” que “están na Constitución, pero, claro, houbo o bo sentido de non aplicalas” como dixo no seu día Miquel Roca, un dos proxenitores da Carta Magna, os estudantes de mañá pensarán, quizais, que o réxime do 78 sería pouco menos que unha Arcadia feliz ou o paraíso utópico de Thomas Moro

 

Nalgúns dos actuais libros de Historia de España de Bacharelato, ao falar do Foro do Traballo franquista, dise que “nel recollíanse aspectos sociais de mellora das condicións dos traballadores"

 

Pois ben, nalgúns dos actuais libros de Historia de España de Bacharelato, ao falar do Foro do Traballo franquista, dise que “nel recollíanse aspectos sociais de mellora das condicións dos traballadores como a prohibición do traballo nocturno de mulleres e nenos, o descanso dominical e nas festividades relixiosas e civís declaradas como tales, vacacións anuais retribuídas, subsidio familiar, seguros sociais de enfermidade, vellez, invalidez e maternidade”. Sen máis explicación que esta corremos o risco, confirmado durante a miña pouca experiencia como docente en prácticas, de que moitos alumnos copien a frase nas súas redaccións, a repitan nos exames, acaben aprendéndoa e, o que é peor, que crean que é verdade, que o franquismo era tan “progresista”. E non é que o libro minta. Ao contrario, é certo que o Foro do Traballo “recollía” todo iso e moito máis. Pero existe una diferencia notable entre poñelo por escrito (“recollía”) e ter intención de levalo á práctica. E aínda o que se levaba á práctica habería que matizar os motivos. Coma un exemplo vale máis que mil discursos, ao meu alumnado sempre lle dicía que pensara na lexislación laboral actual. Se nos paramos a pensar nos casos de incumprimento que hai hoxe en día, como non sería durante o franquismo? Contáballes o que xa sabían polos seus avós, que moitos nenos labregos tiñan que traballar desde ben cativos sen que ningunha autoridade se preocupara polas súa escolarización, sen vacacións e sen que se cumprira ningunha das condicións laborais que “recollía” o Foro do Traballo. Dicíalles que as Leis Fundamentais do franquismo (o Foro do Traballo, o dos Españois, a Lei de Cortes, a “democracia orgánica”, etcétera) eran puro “postureo lexislativo” e entendíano á primeira, moito mellor que se lles falaba de “plasmación meramente protocolaria, retórica ou ornamental sen garantías prácticas”. Na maioría dos casos non hai máis que mirar o tempo verbal no que están redactados os artigos dunha lei para darse conta. Se é en futuro o máis probable é que haxa pouca ou ningunha vontade de cumprilos e facelos cumprir. Non é o mesmo dicir “o Estado garante” que “o Estado garantirá”. “Concesións semánticas”. Realmente, no caso do Foro do Traballo os únicos artigos que tiveron unha aplicación real eran o que garantía a propiedade privada e os que prohibían o dereito de folga e libre asociación. Tamén se derrogou calquera tipo de prestación por desemprego ata os anos 60. 

 

Para un historiador é tan importante, ou máis, o que non se ve, o subxacente, que o que se observa directamente. O historiador francés Fernand Braudel comparaba a Historia cunha noite alumeada por centos de vagalumes. A inercia fai que nos fixemos no espectáculo de luces, sen reparar na triunfante escuridade. Un dos “pecados” que máis acostumamos a cometer os historiadores é crernos os “postureos” do pasado e do presente, cando o noso deber é descubrilos e iluminalos coa verdade. Ogallá corrixamos pronto ese erro. 



x