Saltar ao contido
6:24 h. Sexta feira, 28 de Novembro do 2014

Opinión

Pedro Alonso Iglesias

Pedro Alonso Iglesias

Vota:

As Encrobas-Corcoesto. Un retroceso de 30 anos?

Parece existir unha teima en equiparar reivindicación soberanista con reducionismo político e empobrecimento de ideas no debate social. Percebe-se un intento de transmitir a idea dunha equivaléncia inexorábel, de que a primeira vai acompañada inevitábelmente dos últimos. Esta teima ou prexuizo manifesta-se incluso chegando a calificar sen rubor como anacrónica a suposta volta a posicionamentos de hai 30 anos. 

Pois botemos unha ollada ao panorama político de hai 30 anos ou máis. Daquela, unha nada despreciábel fracción militante do noso pobo lograba organizar importantes luitas en Baldaio ou nas Encrobas. Luitas ás que se sumaron entusiastas centenas de viciños e viciñas, que en común labor organizado con históricos cadros nacionalistas, lograron encher de dignidade un período crucial da nosa história moderna.

Naqueles fragores non só se defendía a base produtiva nacional, a economía agrária ou a paisaxe rural. Tamén se defendía o direito a planificar e aproveitar os nosos recursos de maneira autocentrada, servindo aos intereses exclusivos do noso pobo. O direito a producir ou aproveitar ordenadamente garantindo o equlibrio funcional de cada recurso na óptica de lograr un desenvolvimento integral, estruturado e harmónico segundo os nosos intereses nacionais, e non atendendo aos caprichos e aos lucros multinacionais e espoliadores.

 "A mina de ouro vai traer riqueza e o resto son enteléquias nun mundo rural en crise, onde as vacas xa non paga a pena muxilas".

>Aquela liña de combate político e ideolóxico, popular ou de masas, era capaz de erguer unha resisténcia alicerzada no orgullo identitário, na coesión e unidade de clase, na defensa dunha forma de vida e unha cultura. E, sobre todo, tiña a capacidade de remexer a conciéncia da mocidade, enche-la de princípios e xunta-la para contribuir á defensa dun país. Coa aposta institucional parece que toda forma de traballo político na base social foi relegada a un difuso segundo plano. Co paso do tempo, o curtocircuito entre a base popular e a elite política nacionalista foi evidente.

Hoxe resucitan nomes como Touro, Penouta e Corcoesto. Proxectos de enriquecimento multinacionais que ocultan un enorme impacto ambiental, social e económico no noso mundo rural, abren procesos de debate social nos que, por un lado, se alían corporacións mineiras, grupos mediáticos especuladores e parasitas da direita cavernária. Este sector brama contra as “posturas románticas” da defensa de Corcoesto, por exemplo. A mina de ouro vai traer riqueza e o resto son enteléquias nun mundo rural en crise, onde as vacas xa non paga a pena muxilas.

30 anos despois do enfrontamento nas Encrobas, volta estar sobre a mesa a necesidade de facer valer os nosos direitos. De facer novamente pedagoxía política. De erguer sen complexos a reivindicación da nosa soberanía nacional e popular. Para qué atenuar, suavizar ou envolver con retórica de márketing a oposición ao que vai ser un conflito descarnado? Nunca antes un anacronismo foi tan necesário.

Outros artigos
Outras voces
publicidad
publicidad