A desfeita do Brexit duro de May

Pilar Fernández - Cidadá comprometida.


Xa está aquí. Xa saímos de dúbidas. Theresa May, como moitos vaticinaban, aposta por un Brexit duro, contentando aos sectores mais xenófobos, extremistas e imperialistas da súa bancada.

Escocia leva meses en marcha. O Goberno escocés foi o primeiro en reaccionar dende  o día seguinte a coñecerse os resultados do referendo. “O lugar de Escocia en Europa” é o plan que a Primeira Ministra Nicola Sturgeon presentou hai semanas para enfrontar a desfeita do Brexit. Mais de 80.000 postos de traballos en Escocia están ameazados, os dereitos dos residentes europeos, os dos traballadores, a Acta de Dereitos Humanos  e mesmo a continuidade do Parlamento escocés están en perigo. O panorama empeora cos plans demoledores da Premier británica.

O programa electoral do Scottish National Party explicaba moi claro que de existir un cambio substancial de circunstancias (tal como a saída de Escocia da UE en contra da súa vontade), estaría xustificada a celebración dun segundo referendo de independencia. Esta carta vai ser a última en xogarse, si finalmente a posición de Escocia non é respectada.

“O lugar de Escocia en Europa” é o plan que a Primeira Ministra Nicola Sturgeon presentou hai semanas para enfrontar a desfeita do Brexit

A día de hoxe o extremismo e a prepotencia irresponsable dos Tories é de tal calibre que vai ser difícil impedir a celebración dun segundo referendo. O Parlamento escocés está xa elaborando lexislación que deberá ser aprobada, chegado o momento, por maioría absoluta no Parlamento. O Partido Verde xa ratificou o seu compromiso co xa chamado #indyref2.

É fundamental lembrar que a campaña unionista fixo una moi agresiva campaña durante 2014;  Dende Better Together repetiron ata a saciedade (coa complicidade da prensa e a axuda conveniente das interferencias de Barroso e mesmo do equipo de Rajoy) que un voto pola independencia deixaría a Escocia illada e fóra da Unión e que só un voto pola Unión aseguraba a permanencia na UE. A campaña unionista foi un claro e escandaloso fraude. 

Holyrood aprobou nestes días unha resolución por ampla maioría, para ratificar os plans do Goberno e defender a permanencia de Escocia no mercado único. Iso, segundo repiten os lideres europeos, só é posible si se respectan as catro liberdades fundamentais, e Escocia cumpre todos eses requisitos. 

Ante esta situación o movemento pro independencia xa celebrou a súa primeira convención en Glasgow. Moito debate, un reto maior e moito traballo por facer dende xa. Integrar, non dividir; convencer,  non destruír, nin insultar. 

Holyrood aprobou nestes días unha resolución por ampla maioría, para ratificar os plans do Goberno e defender a permanencia de Escocia no mercado único

Non só Escocia pode sufrir graves consecuencias con este plan durísimo de Brexit de Theresa May. Norte de Irlanda, sumida nunha crise política e escándalos de corrupción, celebrará eleccións o 2 de marzo. O Concello de Dublín, representando a mais dun millón de cidadáns, aprobou unha resolución para esixir un referendo de unificación. 

Co Brexit, os acordos de Venres Santo están tamén no ar. Theresa May anunciou que Reino Unido deixará a Corte de Xustiza Europea e elaborará lexislación a medida de Gran Bretaña; iso implica continuar cos plans que os Tories teñen dende hai anos: rachar coa Acta de Dereitos Humanos.

Theresa May non mencionou Xibraltar nin unha soa vez na súa comparecencia. Quizais para evitar mais complicacións cos seus potenciais socios, xa que a pantasma dun posible veto español está sendo utilizada, unha vez mais, para amedrentar as aspiracións de Escocia en Europa.  Iso si, a expresión “pescadores españois” está plasmada no seu discurso , marcando un dos puntos da negociación con España. Galicia vén de ser nomeada nación altamente dependente da pesca e May quixo mandar unha mensaxe a Rajoy. 

O Goberno español fará ben en buscar unha boa relación con Reino Unido, por suposto. Son milleiros os británicos vivindo no Estado, e milleiros os cidadáns españois en Reino Unido. Moitos proxectos están en marcha e o Estado español recibe cada ano, segundo noticia publicada por El Confidencial, arredor de 300 millóns de euros en atención sanitaria. 

Pero  tamén é fundamental que non admita chantaxes nin ameazas. E aínda que o Goberno español insiste en que a cuestión escocesa é un asunto interno de Reino Unido,  e en que non permitirá excepcións e respectará as normas europeas para a negociación do Brexit, sería intelixente e totalmente recomendable que non se pechasen as portas á permanencia de Escocia na UE, e por suposto, que se ratifique o total compromiso co proceso de paz en Irlanda do Norte, que cada vez está mais preto da unificación. 

Sería dende logo un acto de madurez política empezar a ter contactos e reunións para analizar e valorar estas posibilidades, sen facer unha traxedia disto. Será posible? Ou seguirá o Sr. Presidente Rajoy alentando as campañas pantasmas do veto español e xogando ao son que lle marca a extrema dereita británica, tal e como aconteceu en 2014?



x