Vetos, votos e plebiscitos en Reino Unido

Pilar Fernández - Cidadá comprometida.


Xa é oficial. O 21 de marzo o Parlamento escocés debaterá e votará a activación do Artigo 30 para iniciar formalmente as negociacións con Westminster para a realización dun segundo referendo de independencia. A Primeira Ministra escocesa, Nicola Sturgeon, indicou que aínda abrindo este camiño, non deixaría de negociar con Londres o proceso de Brexit tentando á desesperada chegar a un acordo, tal e como Holyrood decidiu hai meses.

Nicola Sturgeon foi a única dirixente en Reino Unido que deu unha rolda de prensa unha vez coñecido o resultado do referendo sobre Brexit, deixando claro que para Escocia se iniciaba unha preocupante etapa e que non estaban dispostos a pór en perigo nin o seu futuro, nin o dos residentes europeos no país; así pois, Sturgeon asegurou que o Goberno escocés valoraría todas as vías posibles para defender o resultado acadado no seu territorio; e nesas vías incluíase un segundo referendo de independencia no caso de que Londres non respectase o sentido do voto escocés; 62% dos escoceses votaron pola permanencia na UE, coa memoria posta nas promesas dos políticos unionistas que en 2014 repetiron insistentemente que só un voto negativo á independencia podería asegurar a pertenza de Escocia en Europa.

A Cámara escocesa aprobou maioritariamente o libro branco presentado polo equipo de Goberno para preservar os intereses de Escocia, e dende hai meses distintos membros do Gabinete escocés están levando a cabo xuntanzas con representantes dos 27 Estados membros da UE, incluído España, nunha clara aposta por reforzar a súa presenza internacional. Por suposto Escocia está sendo recibida cos brazos abertos. 

62% dos escoceses votaron pola permanencia na UE, coa memoria posta nas promesas dos políticos unionistas

Pero as accións de Theresa May e o seu equipo son inequívocas mensaxes de que Londres non vai aceptar nin un só dos puntos votados maioritariamente polo Parlamento escocés; é máis, existe a crecente sospeita de que a transferencia de competencias prometidas a Escocia (algunhas delas coma pesca e agricultura residen en Bruxelas agora mesmo) non se fará efectiva; o plan de Brexit duro de May e o anuncio de que Londres asumirá en primeira instancia as competencias europeas está provocando que moitos dos votantes unionistas en 2014 empecen a definirse cara un voto a favor da independencia. 

Nestes últimos tempos, ante o panorama previsible do Brexit duro, os partidos celebran as súas Conferencias de primavera. 

Os conservadores escoceses, que tiveron o seu congreso recentemente en Glasgow, chegaron a valorar a posibilidade de abolir Holyrood en canto o Brexit se faga efectivo. Os Liberais Demócratas, con presenza minoritaria tanto en Londres coma en Edimburgo, anunciaron que bloquearán un segundo referendo de independencia en Escocia, ao tempo que piden un segundo referendo sobre Brexit para votar o acordo final que se acade con Bruxelas.

Os conservadores escoceses, que tiveron o seu congreso recentemente en Glasgow, chegaron a valorar a posibilidade de abolir Holyrood en canto o Brexit se faga efectivo

Os laboristas están sumidos en conflitos internos a grande escala. Este alboroto faise evidente con cada intervención do seu líder Jeremy Corbyn que vén de anunciar que o Partido Laborista non bloqueará unha petición do Parlamento escocés sobre un segundo referendo; este anuncio de Corbyn bate radicalmente coa postura da líder do Partido Laborista escocés que se opón firmemente a un segundo plebiscito. A polémica está asegurada. 

Moitos vaticinan que con este panorama, aínda que Theresa May convocase eleccións xerais no peor dos escenarios sobre un Brexit duro, tería asegurada a maioría absoluta; iso fortalece sen dúbida os independentistas en Escocia e os que dende a República de Irlanda e Irlanda do Norte xa chaman a un referendo sobre reunificación.

Dende o mesmo 24 de xuño de 2016 sucédense as enquisas sobre intención de voto nas vindeiras eleccións locais que terán lugar a principios de maio, sobre o apoio ao Goberno escocés, sobre a valoración de líderes políticos (nos que Nicola Sturgeon sobresae con nota alta) , ou sobre a posibilidade dun segundo referendo de independencia en Escocia. 

Unha enquisa publicada a semana pasada, con sondaxes feitas dende o 24 de febreiro ao 4 de marzo, amosa que 50% dos escoceses votarían SI nun segundo referendo. Outra publicada o mesmo día que Sturgeon anuncia o inicio dos trámites para o bautizado #ScotRef, fala de 48% de apoio a un eventual YES. E estes son os resultados antes de que Theresa May active o artigo 50 para abandonar a Unión Europea, facendo caso omiso aos cambios que piden dende a Cámara dos Lores. 

Unha enquisa publicada a semana pasada, con sondaxes feitas dende o 24 de febreiro ao 4 de marzo, amosa que 50% dos escoceses votarían SI nun segundo referendo

Con May sen mandato lexítimo, xa que aínda non pasou polas urnas, e con Nicola Sturgeon cun lexítimo e claro mandato recollido no seu programa electoral e con 44% dos votos do electorado escocés acadado nas últimas eleccións en Escocia, os argumentos para tratar de paralizar un posible segundo referendo provocaría un gravísimo conflito institucional que só beneficiaría a maioría independentista xa existente no Parlamento de Holyrood. 

Curiosamente nestes días, a BBC preguntou directamente a González Pons sobre o chamado #theSpanishVetoMyth (outro dos argumentos da campaña unionista que repetidamente anunciaba un veto español contra Escocia na UE), cousa que el negou categoricamente, alegando que a situación escocesa era moi diferente da catalá. Foi tan inesperada esta aclaración que moitos nos preguntamos que andará argallando o Partido Popular para facer estas declaracións á BBC, cando ata o momento foron os responsables de alimentar na prensa británica o mito do veto.

Evidentemente algo está cambiando. O Goberno español ben debería ter en conta os intereses que existen en territorio escocés (renovables, construción, turismo, pesca....) para empezar a fortalecer pontes cunha nación que semella estar rozando á independencia coa punta dos dedos. 

A situación en Reino Unido non pode ser tan caótica coma interesante. Dende logo, quen pense que a política británica é aburrida, debería simplemente botar unha visual e ver o terremoto que hai montado. 
 



x