Parece evidente que a idea de declarar, o goberno autonomista catalán, unilateralmente a autodeterminación de Catalunya e polo tanto autoproclamarse como Estado republicano independente foi unha boutade que lle custou moi cara aos independentistas.

 

Na realidade tiñan que ver que era algo imposible, aínda que ao mellor consideraron  a reacción que tivo o goberno español como impensable.

 

Formular unha separación pacífica contra a oposición do Estado no que se está integrado, sen contar coa inmensa maioría da poboación, tendo na contra a todos os Estados da UE, sen recoñecemento por ningún país do mundo, e sobre todo sen a forza física (armada claro) para impoñela, que na realidade é a que avala á represión lexislativa pois doutro xeito as decisión xudiciais serían papel mollado, deberían supoñer que era unha auténtica utopía.

 

A estratexía do goberno catalán pode que fose moi heroica pero resultou un fracaso para a consecución dos seus obxectivos secesionistas e o que é pior para o seu futuro, porque repoñerse da situación de incerteza e diverxencias na que se atopan os partidos independentistas, levará o seu tempo, máis aínda cando evidenciase agora  que o goberno está disposto a castigalos sen piedade á vista dos frutos que está recadando onde ten todo a favor a nivel internacional e a nivel estatal, cuns medios de comunicación maioritariamente favorables, partidos políticos estatais importantes como PSOE e Ciudadanos tamén e unha cidadanía cada vez máis española, máis centralista, con máis odio aos cataláns e polo tanto encantada de que cantos máis metan na cadea mellor.

 

A estratexía do goberno catalán pode que fose moi heroica pero resultou un fracaso para a consecución dos seus obxectivos secesionistas e o que é pior para o seu futuro

 

O independentismo en Catalunya é unha forza o suficientemente potente e relevante como para exercer unha influencia fundamental no funcionamento democrático dunha Catalunya onde os seus valores culturais no sentido máis amplo ocupen un lugar destacado na súa política e na vida social de xeito que marquen a súa diferenza identitaria, como na realidade xa viñan facendo, sobre todo contando co poder da Generalitat, á vez que se impliquen en impulsar un desenvolvemento social adecuado ás exisencias dun verdadeiro estado social e ás características do país, amosando xa unha singularidade política propia. Preocuparse por afondar nisto,  bordeando a Constitución, realizando unha presión sobre ela xerando inquedanzas lexislativas propiciatorias de políticas negociadoras, tendo en conta os tempos que corren, posiblemente sería unha estratexia máis acaída para os seus intereses máis inmediatos no camiño de obxectivos a máis longo prazo.

 

Os nacionalistas vascos, que tamén son  fortes na súa nación, á vista do sucedido en Catalunya, pode que mesmamente estean nesa tesitura. 

 

O nacionalismo galego, mentres non teña esa maioría autonomista é dicir sexa forte en Galiza, seguirá retrasado, e aínda máis que por un problema de discurso ou de comunicación, por unha cuestión de estratexia, independentemente dos condicionantes obxectivos que propician unha indiferenza poboaciónal sustancial cara o nacionalismo.

 



x