Saltar ao contido
9:00 h. Sábado, 01 de Novembro do 2014

Opinión

Rodri Suárez

Rodri Suárez

Xornalista
Vota:

A maioría "violenta"

O PP vén de declararlle a guerra tamén ás enquisas, basicamente porque non lle benefician. É unha práctica habitual na dereita española, xa hai unha década desprezaban abertamente aquelas que indicaban que o 90% da cidadanía do estado español rexeitaba a invasión de Iraq. Ou as que amosaban unha ampla condena a súa xestión da catástrofe do Prestige, opinións tan lexítimas como lóxicas que a dereita, tan sensible, converteu en “ladridos de rancor polas esquinas”, que xa se sabe dende sempre que resultan un son moito máis molesto que o das bombas caendo nas casas.

Agora, non lles gustan as enquisas que sitúan á maioría social, por exemplo, en contra dos desafiuzamentos ou do timo das preferentes, que o PP avala con toda a alegría política posible, ás veces enmascarada baixo lamentos e acusacións a terceiros, algunhas reais, como as que teñen que ver coa outra pata do réxime, ese PSOE que cargará para sempre coa sombra, entre outras, de inventar os despexos express.  

"A maioría da cidadanía entra dentro a cualificación de “violenta” segundo os parámetros de Rajoy, Feijóo, Cospedal e compañía". 

As enquisas non son perfectas, pero como parte que son dunha ciencia social permiten avanzar moitas tendencias e pulsar sensibilidades. Unha delas pasou moi desapercibida hai uns días, como por outra parte é normal en vista da catarata de informacións -normalmente de fondo alcance e portadoras de carraxe- ás que hai que enfrontarse cada mañá, tarde e noite. 

Non ten datos propios sobre Galiza, pero a súa visión estatal non lle resta interese. Realizada pola empresa My Word para a Cadena Ser, destaca por sinalar o amplo apoio -dun 59 por cento- a eses escraches que o PP  intenta equiparar co terrorismo indiscriminado ou coas cámaras de gas nunha nova evidencia de que a súa cúpula debe andar tan encerellada cos sobres que sempre esquece tomarse a medicación. Pero así é, a maioría da cidadanía entra dentro a cualificación de “violenta” segundo os parámetros de Rajoy, Feijóo, Cospedal e compañía. 

Mais a enquisa deixaba outros datos de relevancia. Por exemplo, o de que accións agora tipificadas de delito como as de desobediencia civil contan coa aprobación dun 23% ou outro semellante que indica que un 27% é favorable á participación en concentracións non autorizadas. 

Hai máis. Un 60 por cento d@s consultad@s acredita que “a economía de mercado” -isto é, o capitalismo, pero preguntaban con esa fórmula- crea “desigualdades e malestar”. E para pánico entre as columnas vertebrais do réxime saído da Transición, un 87% rexeita o bipartidismo PP-PSOE. 

Unha máis. Até un oito por cento defende accións como guindarlles pedras aos gobernantes. Que case unha de cada dez persoas sexa capaz de dicirlle a un ou unha descoñecid@ que desexa que lle rompan os dentes a un dirixente suxire que son aínda máis os que así pensan. En todo caso, non é un dato menor. 

"O nivel de indignación popular é inmenso e pide alternativas, ideas, pero tamén acción".

O nivel de indignación popular é inmenso e pide alternativas, ideas, pero tamén acción. E rúa. Semella que vai ser penalizado quen fíe todo ás rutinas burocráticas. Porque con este tipo de inquéritos pódense facer dúas cousas. Interpretalos o mellor posible e acompañalos na actividade política ou cuspirlles enriba e seguir na burbulla endogámica, que é polo que aposta o PP. Pero se non miran o que hai fóra que logo non se asusten ao ver que a maioría perdeulle o medo a escenificar a rabia diante das súas torres de marfil, como avisan esas enquisas que desprezan. 

Outros artigos
Outras voces