Saltar ao contido
1:55 h. Cuarta feira, 01 de Outubro do 2014

Opinión

Rodri Suárez

Rodri Suárez

Xornalista
Vota:

Delincuencia xuvenil

Síntomas preocupantes. Malia vivir nunha sociedade algo acomodada, o saqueo bautizado como crise comeza a traer de regreso cuestións que parecían case desaparecidas, por exemplo a da que se coñeceu como delincuencia xuvenil. Cuns índices de desemprego brutais, un futuro inexistente e o colchón familiar en extinción, as alarmas volven soar sobre ese enorme caudal humano que é a mocidade, agora convertida en condena. Xa hai datos e feitos que falan da alerta, símbolo de que moitas cousas van mal.

Non é algo novo. O arqueólogo Samuel Noah publicou en 1956 un libro pioneiro sobre a civilización sumeria. Nas súas páxinas reflectía até 27 experiencias que a humanidade viviu por primeira vez grazas a ela. Ían dende a invención das escolas até os primeiros casos de delincuencia xuvenil. O autor traducía táboas de arxila nas que un 'respectable' pai queixábase polo que entendía como unha mocidade corrupta. Xa daquela. Hai milleiros de anos.

Con todo, non hai dúbida que a delincuencia xuvenil tal e como a identificamos na actualidade resulta un fenómeno recente, do século XX. “Inadaptados, desentendidos das ínfulas burguesas dos seus maiores, condenados a unha existencia vexetativa e frustrados, moitos adolescentes reclamarán o dereito á negación. O seu rexeitamento ao modus vivendi adulto estenderase como un cancro e durante os anos 50 a delincuencia xuvenil alcanzaba en Estados Unidos estadísticas preocupantes”, relata o xornalista Jaime Gonzalo no seu libro 'Poder Freak'.

"Nos anos 80 o feito social da delincuencia xuvenil chegou a Galiza, con incidencia nos barrios urbanos e tamén en zonas como as Rías Baixas, coa heroína"

O fenómeno desa chamada delincuencia xuvenil alcanzou sona no estado español no final do franquismo e na Transición, tinguido de discriminación e drogas. Alcanzou cotas mediáticas por mor de certa cultura suburbial na que, por exemplo, figuras como a do 'Vaquilla' recibían tratamento de heroe tráxico.

Nun plano que tamén evidenciaba as eivas do sistema, a -e a falta de información sobre ela- e o seu tráfico a gran escala como terrible pano de fondo. Xeracións enteiras coñeceron o cárcere e a marxinación.

Mais cómpre entrar en referencias simbólicas que non sempre atinxen á legalidade pero si á decencia social. Deste xeito, tendo en conta que o concepto pode ser amplo e adoptar moitas formas, a estes apuntes históricos sobre o fenómeno citado non lles vai mal engadir un último dato, talvez berce de elementos como Bárcenas, Carromero ou semellantes. Nunha época na que de novo a preocupación cidadá fixa a mirada na corrupción do réxime, falar en termos metafóricos sobre delincuencia xuvenil obriga a lembrar que as forzas políticas ou económicas que defenden este sistema opresivo contan dende hai décadas con mocidades organizadas. Estas saen das aulas con posto directivo. Outras a paus da policía por pedir que se persiga aos do auténtico delito.

 

 

Outros artigos
Outras voces