Saltar ao contido
1:00 h. Cuarta feira, 26 de Novembro do 2014

Opinión

Rodri Suárez

Rodri Suárez

Xornalista
Vota:

Imbéciles

Mestura de rexouba e precaución, investigar o que pensan de nós é unha das actividades ás que lle dedicou máis tempo e esforzo a humanidade durante a existencia toda. Queremos saber que opinión teñen sobre nós os xefes -do pasado, do presente, do futuro-, @s compañeir@s de traballo ou @s amig@s, poucos sobresaltos máis fortes existen que o de espertar ao coñecemento de que aquel/a que pensabas que daría a vida por ti realmente non te atura. 

"Para o poder, segundo se deduce das súas actuacións, nós somos parvos, cretinos, estúpidos, papóns, imbéciles".

Precisamos saber que pareceres provocamos nos demais, buscamos datos e pistas a cada momento e até creamos pequenas axencias de intelixencia para alcanzar a verdade. Especial interese atopamos en saber que senten por nós aqueles ou aquelas con quen desexamos compartir sexualidade, incluso amor e vida en común nalgúns casos. Para influír nos posibles resultados nese ámbito incluso se inventou unha industria como a de sedución. Ou para adaptarse -ou non- ao que deles esperaramos ou saber onde deben traballar mellor a manipulación para gañar afectos, as elites recorren a custosas enquisas. Vivimos nunha eterna preocupación por ese misterio maior que é descubrir que pensan de nós. 

Mais ás veces resulta evidente. Quere saber que pensan @s que mandan de vostede? Poña a funcionar os sentidos. E aí está. Certo é que din todo o contrario, con cinismo afirman que só pensan no noso ben, pero é unha patraña. Outra máis. Para o poder, segundo se deduce das súas actuacións, nós somos parvos, cretinos, estúpidos, papóns, imbéciles.

Apliquemos exemplos simulados. Ficcións da realidade. 

-Mariano, que co de Bárcenas está saíndo toda a nosa merda a flote. 
-É igual, simplemente me negarei a dicir o seu nome e a xente xa o esquecerá, que para algo son parvos. 

"-Mariano, que co de Bárcenas está saíndo toda a nosa merda a flote. 
-É igual, simplemente me negarei a dicir o seu nome e a xente xa o esquecerá, que para algo son parvos". 

-Alberto, hai fotos túas cun narco que ademais tiña empresas coas que traballamos. 
-Pois vale, fareime a vítima, direi que non hai papeis, que se perderon, e todos me crerán. Non ves que son uns cretinos?

-Alfredo, o noso partido segue chamándose Socialista Obreiro. 
-Tanto dá. Chama aos banqueiros para avisar e botar unhas risas e logo fai un par de propostas así como moi de esquerdas, que xa verás como os papóns estes volven votarnos. 

-Don José María, ten que ir ao Parlamento e vanlle preguntar porque non devolvemos os cartos das preferentes. 
-Boh. Contestarei que nós queremos con todas as nosas forzas pero non nos deixan. Seguro que tragan, total son imbéciles. 

Os exemplos poderían ser centos máis. Pero o mundo non é de sentido único. Os poderosos antes citados tamén teñen dereito a saber o que se pensa deles. Procedamos. Aplicando o sentido xornalístico máis elemental. Sen simulacións. En base a frases escoitadas en numerosas ocasións .  

-Neno, viches o que dixo (elíxase un dos anteriormente referidos). 
-Ese é un (escóllase un término entre os que normalmente se cualifican como “grave insulto”). 

Outros artigos
Outras voces
publicidad
publicidad