(…) dans la vie tout est possible, mais il faut y croire. Si l´on ne croit pas, le possible se grisaille

Juliette Binoche

 

 

Nestes tempos de furia, de mudanza constante, apenas dedicamos tempo á reflexión. Tanto é así que case podemos sentir que sucedemos coas cousas, mais non facemos que estas sucedan. Pero podemos? É curioso que sexamos quen de nos gabar do noso traballo, daquelas facetas que consideramos interesantes, que nos entreguemos á loita por tantos dereitos loábeis, pero non prestemos atención suficiente ao que sucede dentro de nós. Mirar o de fóra, analizalo, cuestionalo, tecer redes para contrarrestar o seu efecto, tantas veces pernicioso para a comunidade, é necesario, por suposto. Entón, a pregunta que poderiamos facernos é a seguinte: ata que punto somos capaces de colaborar con outras persoas se ignoramos todo de nós? Esta urxencia, porque é urxente, de saberse por dentro, devén pois o paso previo a calquera encontro. Isabelle, a protagonista deste filme, busca algo que necesita: amor. Faino constantemente. Esas figuras masculinas que atopa polo camiño viran significativas na súa vida. Ofrécese coma un agasallo, non porque se entregue á paixón e manifeste claramente a súa necesidade de recibir amor, mais porque, dalgún xeito, no propio exercicio de se entregar se reifica ante os ollos deles. Isabelle baléirase de contido con cada encontro nese intento de compracer. Inicia relacións, que, finalmente, duran uns poucos meses e sente que fracasa. Nalgún intre podemos vela pasar da ledicia á tristura en cuestión de segundos -eis esa conversa no baño cunha amiga, á que lle conta o que sentiu ao se deitar cun dos seus amantes-, porque apenas é quen de xestionar o que acontece. Entendo que Isabelle pretende algo ben difícil: o amor con maiúsculas. Farta da mediocridade sentimental experimentada ao longo da súa vida, emprende esta peregrinación militante na procura do arelado “licor suave”, esa apócema que perturba os sentidos, que descoloca, porque nos sitúa noutras coordenadas do espazo-tempo e tensa o fío invísibel que nos une ao outro, que está do outro lado, que se contempla contemplándonos. Compréndese a pretensión de Isabelle. Parécenos natural que desexe ser amada na súa totalidade, da cabeza ata os pés. Todas as persoas buscan isto, ser recoñecidas polo outro: verse reflectidas noutros ollos, porque ese estado erótico exaltado dos amantes ten de seu un compoñente narcisista. Ámanse a eles propios nese recoñecemento que o amado lles dispensa. O caso é que este tipo de experiencia, tan atraente e perturbadora, fica moitas veces aí, xusto nese estado hipnótico que, como moito, se materializará nun encontro sexual que os namorados elevarán á condición de sublime, polo efecto embrigador que suscita ser abrazado, ou abrazada, por esa persoa que nos ten obnubilados/as. Daquela, o interesante deste asunto, sería traspasar esa liña que se oculta detrás das miradas constantes, para chegar realmente a tocar o corazón da outra persoa e descubrila tal e como é. Sen disfraz. Conseguir atravesar o oculto e ver dentro será a chave para iniciar un auténtico diálogo amoroso. Isabelle busca verse nos ollos dos seus amantes, quere ser recoñecida por eles, e, moito máis perigoso aínda, necesítao. Porén, non pon atención no que se oculta detrás. Adáptase entón a cada un deses homes coa finalidade de ser “apta”. Consecuentemente fracasa. Unha e outra vez. Eles, atraídos pola súa beleza, revisten ese desexo con palabras para envolvela nun xogo perverso do que sairá sempre mal parada. A idea que formulan Claire Denis e Christina Angot nesta historia é ben sinxela. Para amar o outro debemos ter claro quen somos, que queremos, como o queremos, e, a partir de aí, confíar. Isabelle non confía nela mesma. Dubida constantemente, así é que demanda, pide, solicita. O amor non se pide. O amor dáse. Simplemente. Comprender isto é crucial para evitar un sufrimento inútil que nos leve a situacións sórdidas e humillantes. Quen pode dar amor? Quen o ten.

 

O interesante deste asunto sería traspasar esa liña que se oculta detrás das miradas constantes, para chegar realmente a tocar o corazón da outra persoa e descubrila tal e como é

 

A protagonista desta comedia antirromántica non ten amor para dar. É máis, pídello aos outros que, obviamente, tampouco o teñen. Esta simetría do desafecto é ben curiosa, pois, en certo xeito, atraemos o que somos. Amar non é tanto unha cuestión de pedir, insisto, mais de dar. Unha persoa non pode dar o que non ten, así é que Isabelle deberá buscar ese marabilloso sol interior. “Je ne m’ occupe pas du reste. J’ essaye de chercher un beau soleil intérieur. C’est tout ce que je vous demande”. Con esta indicación proposta por ese medium, interpretado por Gérard Dépardieu, Isabelle, aínda confusa, vai dar paso a toda unha revolución interior, que, sen dúbida, a levará ao único amor posible: o amor propio. Ámote porque me amo, enormemente ademais. Esa é a idea. En todo caso, hai esperanza, porque todas as persoas teñen un astro poderoso dentro. Como moi ben explica Juliette Binoche, “il est là le soleil. il faut essayer de savoir le percevoir, (…) mais après il y a tout un boulot à faire sur soi pour le laisser briller le plus possible”. Na opinión da actriz, este sol interior aparece despois dun proceso duro, complexo e difícil, que todas as persoas deberiamos realizar para sentirnos ben. Binoche teno. Elle l’a, como dicía a canción de France Galle, e nós podemos desfrutar dese seu sol interior que se traduce nunha beleza exquisita, repousada, discreta. Binoche aparece estón espléndida na pantalla, a pesar desas botas interminábeis. Esta actriz faise naturalmente deliciosa. Como non amar a Juliette Binoche? Non sorprende nada que Claire Denis faga fincapé na sensualidade de seu, nesa capacidade de lle conferir carnalidade e tenrura a Isabelle, conseguindo que non resulte patética, malia se expor, tantas veces, ao arbitrio deses incompetentes emocionais cos que se deitou que nin sequera conseguiron tocar a superficie da marabilla de ser humano que Isabelle chegará a ser algún día. A historia desta Isabelle de Claire Denis e Christine Angot é a historia de moitas mulleres, que, malia o seu inmenso valor, se puxeron nalgunha ocasión de saldo para satisfacer a un idiota.

 



x