Non me coñeces. Nin eu a ti. E por máis que o intente, non conseguirei nin imaxinar o que debe ser pasar polo que ti vés de pasar, o que sentes, o que sofres, o que pensas. Non podo nin supoñer que se che pasa pola cabeza cando te decatas de que ti poderías ter sido a seguinte. De que te salvaches pola túa valentía e pola túa habilidade. De que non chegou a te matar, pero si que fuches agredida, meteute no maleteiro do coche. Só de escribilo, arrepíome. 

 

Non, non podo. Por moito que o intente, non son quen de me poñer no teu lugar e imaxinar o que sentes. Mais si que che digo que aquí me tes. Gustaríame abrazarte se iso axuda a que te sintas mellor, máis protexida. Aquí me tes, compañeira, amiga, irmá. Aquí nos tes a todas, porque somos mulleres, porque cho debemos, porque  todas poderíamos ser ti. 

 

Porque vivimos nunha sociedade hipócrita con gobernos hipócritas, que fan minutos de silencio por mulleres que poderían estar vivas de se aplicaren medidas reais de protección e de educación en igualdade. Unha sociedade onde as forzas de seguridade se gaban de ter detido un agresor após un ano e medio de investigación, cando en realidade se foi detido é debido a que o intentou contigo e puideches escapar, e, sobre todo, porque fuches valente e o denunciaches. Que tería pasado se non for así? Estaríamos agora laiándonos por outra muller desaparecida? Máis minutos de silencio?

 

Non podo nin supoñer que se che pasa pola cabeza cando te decatas de que ti poderías ter sido a seguinte. De que te salvaches pola túa valentía e pola túa habilidade.

Vivimos nunha sociedade onde se te maquillas andas buscando guerra, e se non o fás, non lles vas gustar aos homes e vas quedar para vestir santos. Onde se gozas libremente do teu corpo, es unha puta, e se non o fas, es unha estreita. Onde se te agreden e te deixas facer para que acabe canto antes ou para evitar maior mal, é que consentiches. E se te agreden e te resistes, acabas no fondo dunha poza nunha nave de Rianxo. Nesta esquizofrénica sociedade temos que vivir as mulleres, sen saber se o que facemos ou dicimos é o que se espera de nós ou se por facelo ou dicilo imos ser linchadas na praza da vila.

 

E ti, no medio desta terríbel cotidianidade, armácheste de valor, primeiro para fuxir do agresor, e despois para aturar con forza o xuízo público ao que sabes que serás sometida. Ao xuízo ao que todas as mulleres somos sometidas. Non hai máis que ir á hemeroteca e ver artigos vomitivos sobre a vida e personalidade de Diana Quer, insinuando sutilmente que merecía o que lle pasou, non si?

 

As forzas de seguridade gábanse de ter detido un agresor após un ano e medio de investigación, cando en realidade se foi detido é debido a que o intentou contigo e puideches escapar, e, sobre todo, porque fuches valente e o denunciaches

 

Eu, direiche, o que boto en falta, para que dunha definitiva vez se vexa un cambio nesta sociedade, é que falen eles. Vivimos rodeadas de homes, potenciais agresores. Todas sufrimos non nunha, senón en varias ocasións, agresións, sexan palabras fóra de lugar, tocamentos, insinuacións, humillacións, violencia ou desprezo. Todas. Sen faltar unha. E eses homes que nos agreden están aquí, viven entre nós. Son irmáns, pais, fillos, compañeiros nosos. E moitas veces nin son conscientes de que nos están menosprezando, ignorando, incomodando, agredindo. Só lembro unha vez na que un home se recoñeceu como posíbel agresor. Reflexionou en voz alta: eu seguramente algunha vez tamén fixen sentir incómoda algunha muller, pola forma de falar ou mesmo de achegarme a ela; inda que pense que non, eu tamén son agresor.  Só un, que eu saiba, o recoñeceu.

 

O primeiro paso para solucionar un problema, é recoñecer a súa existencia. Señores, recoñézano: foron vostedes educados nunha sociedade machista, onde, inda que sexa inconscientemente, son donos de privilexios que usan moitas veces para nos danar. Saiamos desta merda.  Nós, denunciando, sinalando. Vós, recoñecendo. Non pasa nada. Rectificar é de sabios.

 

Ti, amiga, compañeira, irmá, deches un gran paso. Seguro que non foi fácil, gustaríame abrazarte, se iso te reconforta. Se che dá forzas para continuar nesta cotidianidade.

 



x