Nin Pacto Educativo nin ruído de togas: derrogación da LOMCE

Suso Bermello - Secretario Nacional CIG ensino


A experiencia destes últimos meses no Congreso dos Deputados demostra que nunca houbo nin a máis mínima intención de modificar substancialmente a LOMCE. A sentenza do TC implica agora a submisión á estratexia do PP dun tribunal totalmente desprestixiado.

Nunca foi unha cuestión legal. O PP preparou coa LOMCE un muro de contención para protexer a súa deriva privatizadora, confesional, centralista e mercantilista. Fíxoo cunha maioría absoluta no Congreso e no Senado mais cunha case absoluta soidade social. Durante anos a loita contra a LOMCE estivo nas rúas e nas aulas. Galiza foi un fiel reflexo. A principios da actual lexislatura o PP manobrou, facendo ver que estaba disposto a introducir cambios de relevancia na Lei Wert, e mesmo cargando contra o ex-ministro, como se a LOMCE non fose un produto do laboratorio de ideas que é a FAES e que con tanto rigor impuxo o PP desde Madrid e disciplinadamente seguido por Feijóo. Os partidos da oposición entraron ao engado do consenso que se había de xogar no campo dunha subcomisión que o PP conseguiu durmir coa compracencia ou a incapacidade dos demais.

 

Agora vimos de coñecer a sentenza do TC que a ninguén colleu por sorpresa. Un alto tribunal dominado por maxistrados conservadores e que, xa sen rubor, se ten erixido nun apéndice do poder executivo nos aspectos máis conflitivos da política estatal. A sentenza afirma que é constitucional que os colexios que segregan por sexo poidan recibir axudas públicas. Tamén dá por boa a segregación elitista, a que permite aos centros seleccionar alumnado e marcar itinerarios académicos. 

 

Agora vimos de coñecer a sentenza do TC que a ninguén colleu por sorpresa

 

Ademais da segregación e o elitismo, o TC tamén referenda o ensino confesional e a perda de democracia interna nos centros. A sentenza confirma a constitucionalidade do carácter académico da relixión e, por tanto, da existencia dunha materia alternativa obrigatoria, así como a perda efectiva da condición de órgano de goberno dos consellos escolares. 

 

Todo isto non quere dicir que o que existía antes fose inconstitucional; que a relixión non fose avaliábel, que os centros do OPUS e outras grupos ultraconservadores non recibisen axudas ou que os claustros e os consellos escolares tivesen un maior papel no goberno e participación dun centro docente. Nin por suposto, que outra Lei que se poda aprobar no futuro poida reverter esta deriva e apostar por un ensino baseado na equidade, na coeducación, na aconfesionalidade, na democracia, na defensa da nosa cultura e o noso idioma e na inclusión. Unha Lei que deberá respectar a plurinacionalidade, pluriculturalidade e plurilingüísmo do Estado e a capacidade de nos rexer por unha Lei Galega de Educación.

 

A sentenza confirma a perda efectiva da condición de órgano de goberno dos consellos escolares

 

Non é tempo de ruído de togas, porque non é unha sentenza a que vai frear as nosas demandas. Mais ficou demostrado que tampouco é tempo de leas parlamentarias, perdas de tempo e desactivación social. É tempo de seguir onde sempre estivemos: na loita contra a LOMCE. Só nos pode servir o punto e final a unha Lei que segue en pé na súa práctica integridade. E só pode ser alternativa unha Lei Galega de Educación que nos permita avanzar na defensa do ensino público galego. 

 



x