Quinta feira, a ver as feiras que me agardan de aquí en diante. A ver o que dá de si isto meu, a ver o que dá de si este meu. Comezo hoxe neste curruncho, neste recuncho, neste cornecho que debo agradecer a Sermos con confusión e expectación, non sei o que darei feito, os primeiros pasos un cambalea. É de mañá cedo e vén por diante un día (“pisando la dudosa luz del día”, escribiu Góngora e citou Cela).

 

Os meus días fanse dunha fariña mesturada de experiencia e de linguaxe, de sentidos e de información (E poderei pasar sen ter que escribir cada día sobre a política española, Rodrigo Rato, por evitar o vómito? Só un parlamentario catalán, David Fernàndez, mostrou a súa sandalia, o seu desprezo e acusación a Rato)

 

Comeza o día nun hospital, acompañar un amigo. (“-É tremendo, canta xente enferma. Moitas doenzas hai últimamente./-Non tal, sempre houbo. O que acontece é que chegamos a unha altura da vida... Alégrate que, polo de agora, non che tocou a ti”). Os hospitais son unha síntese bruta de socioloxía e dor. Cada vez que vou a un hospital penso, “este é o meu país, no bo e no malo, e non o que me conta esa prensa miserábel”. Non sei que nova lección me poden dar hoxe os corredores deste hospital. A ver. Lección de humildade sempre.



x