Imaxes de xente diante dun xulgado de Ribeira, son poucas persoas maiormente mulleres, a berrarlle a un home acusado de forzar e asasinar unha moza. Non son familiares da vítima, pois era dunha familia de Madrid, son veciños e veciñas da comarca que teñen tempo para acudir alí berrarlle “asasino”. Intento entender o sentido do que fan.

 

Coido que fan un exorcismo e están expulsando ao individuo da comunidade, repudiándoo. As cámaras de televisión son imprescindíbeis, pois é certo que o lugar é a entrada a un xulgado mais estas persoas realmente están actuando perante as cámaras, que actúan como notarias de que isto acontece. Entendo que este ritual que executan é para dicirlle ao mundo que eles, elas non son como ese asasino repulsivo. Realmente expresan o que desexa a súa comunidade, unha comunidade que precisa expresarlle ao mundo que está formada por persoas decentes.

 

Mentres, en Aranda de Duero, a maioría da veciñanza toma partido por tres ou catro xogadores do equipo de fútbol local acusados de abusar dunha menor. Porque non son, como o de Rianxo, marxinais dentro da comunidade e reos dun crime repulsivo senón que eses mozos encarnan o orgullo local, son os seus campións (O curioso é que tanto o de Asados como os de Aranda de Duero son moi deportistas, malia que iso non teña trascendencia pois na actualidade todo quisque fai deporte; somos unha sociedade deportiva).

 

As comunidades son, somos, seres vivos, animais violentos que se protexen e que traban, trabamos, cara dentro e cara fóra.  



x