TVE é a televisión do estado e non é “pública”, pois iso supón que serve e pertence ao conxunto da sociedade e iso implicaría profesionalidade e decencia moral, cousa que esa non ten, pois só está ao servizo do partido que goberna, ao españolismo e aos intereses económicos e políticos da corte.

 

E esa televisión do estado que mente cada día, deforma a realidade e intoxica ao público que a sintoniza, chegou ao extremo de manipular o texto dun documento para inculpar aos activistas pola independencia catalana. Estease ou non de acordo cos obxectivos da ANC e o Ómnium, é evidente que é un movemento cívico absolutamente pacífico, mesmo exemplarmente pacífico, pois onde un documento interno seu dicía de realizar “actuacións valentes” esa TVE do estado informou que dicía “actuacións violentas”.

 

Evidentemente é unha mentira coa finalidade de culpabilizar aos independentistas para que de seguido fiscais e xuíces actúen contra eles, alén de alimentar a opinión pública española contra eles. Un instrumento do estado con tanto poder como ese campa sen límites enchendo de indecencia a vida pública e as cabezas das persoas máis indefensas culturalmente.

 

Un instrumento do estado con tanto poder como ese campa sen límites enchendo de indecencia a vida pública

 

A indecencia da vida pública española é tan alta que non hai maneira de pensar que é cousa pasaxeira, cousa que as propias institucións do estado poidan ou queiran solucionar, que os partidos estatais poidan ou queiran amañar, que a mesma sociedade española no seu conxunto teña capacidade de limpar. Non, é un problema estrutural do estado de dimensión histórica. Únicamente unha intervención exterior desde unhas institucións europeas que supostamente estivesen interesadas permitiría unha purga e limpeza do estado e unha refundación das institucións, incluíndo pactos que recoñezan as nacionalidades e someter a referéndum a opción monarquía ou república, repúblicas.

 

Vivimos pasmados sobre un monte de merda que vai rebentar dun momento para outro

 

Que Felipe González, unha voz moi autorizada das cloacas do poder deste réxime posfranquista e coñecedor e sostedor dos poderes da corte, saia dicindo que non existe un problema de corrupción xeralizada no estado, senón descoidos é unha negación que afirma a evidencia de que vivimos pasmados sobre un monte de merda que vai rebentar dun momento para outro.

 



x