Este domingo publicouse aquí unha longa e interesante entrevista ao Javier Pérez Royo que lle fixo o Xosé Mexuto. Pérez Royo falou tan claro e preciso como valente.

 

Coñecémonos hai cousa de dez anos ou algo máis en Madrid e foi precisamente nun encontro reducido dunha iniciativa pretendidamente federalista. Todo aquilo xa é fracaso, decepción e pasado, como se pode comprender polas súas declaracións na entrevista que expresa moi ben a súa postura pública. Volvemos coincidir hai uns meses en Barcelona na compañía do president Puigdemont, acompañando a súa preocupación e os seus dilemas. O que ocorreu neses anos que transcorren entre un encontro e outro foi a evolución ou cristalización do estado español e as posicións que cada una acaba tendo.

 

Naquela ocasión Pérez Royo preguntoume por unha persoa coñecida súa na Galiza que el pensaba que partillaba as nosas preocupacións por dar cabida á diversidade nacional dentro do estado, eu sabía que iso non era así e ben máis era o contrario. Supoño que Javier nalgún momento conforme iría coñecendo as posicións políticas daquela persoa, levaría unha desilusión grande.

 

Volvín coincidir con Pérez Royo hai uns meses en Barcelona na compañía do president Puigdemont, acompañando a súa preocupación e os seus dilemas

 

No meu caso nunca houbo ilusión, mais si implicación para conducir a evolución do estado español nun sentido federal. Non houbo ilusión, mais aínda así foi ben decepcionante ver a un conspicuo membro da esquerda española, Nicolás Sartorius, que ademáis fora o convocante daquel encontro de hai anos defender públicamente a aplicación do 155 sobre o territorio e a poboación catalá. A esquerda española mostrou todo o seu españolismo, toda a súa identificación co estado existente, sexa como sexa ese estado. O mesmo república unitaria que monarquía, o mesmo estado democrático que autoritario. Aí a está, uns cúmplices e outros caladiños.

 

A esquerda española mostrou todo o seu españolismo, toda a súa identificación co estado existente, sexa como sexa ese estado

 

A entrevista a Javier Pérez Royo resume ben un proceso e a situación actual que ao meu modo de ver resúmese en que o estado reconfigurouse de forma definitiva pois o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional xa estableceron xurisprudencia interpretando a Constitución dun modo definitivo. E non hai volta atrás, o estado cerrouse a toda interpretación, resúmese toda a constitución na aplicación do 155. Na arbitrariedade do poder sobre a poboación, sexa en Catalunya, en Murcia ou na cabeza e no corpo de quen se opoña.

 

O que antes estaba aberto a interpretación e permitía pensar en diálogo agora xa está cristalizado e cerrado, esta Constitución xa está interpretada pola dereita españolista e centralista, definitivamente non pode ser de todos e todas, é da corrente política que precisamente estivo ausente dos pactos sobre os que se redactou. Mentres unha corrente política como o catalanismo, tanto o da dereita conservadora como o catalanismo que naquela altura defendía o desaparecido PSUC, está excluído.

 

Non hai volta atrás, o estado cerrouse a toda interpretación, resúmese toda a constitución na aplicación do 155

 

Para defender os nosos dereitos como persoas libres, como pobo, como país con cultura, personalidade e, sobre todo, necesidades propias, para defendernos do expolio planificado desde a corte só cabe unha ruptura democrática.

 



x