Cada primeiro de Maios convócanse no noso país dúas manifestacións sindicais, unha convoca CIG e outra CC.OO. e mais UGT. Teño ouvido moitas veces queixas de persoas que din que non van ás manifestacións porque os sindicatos van separados e que de non ser así, irían (para min que é un conto e que nin van nin irían. E non me parece que haxa que dar escusas tampouco para non ir, cada un fai o que quere e máis o que pode).

 

Eu propio son dos que pensa que deberan facer un esforzo por iren xuntas, e máis aínda cando a reclamación coa que se convoca a xente é a de conservar as pensións aos xubilados actuais e futuros. Coas mesmas reivindicacións conto que houbo até catro convocatorias distintas... Está visto que os xubilados non tiveron tempo aínda de aprender a organizarse mellor, estaría ben que falasen uns con outras e pactasen os mínimos e despois nos chamasen a todos.

 

Coas mesmas reivindicacións conto que houbo até catro convocatorias distintas...

 

Mais non fago diso un sagrado pois esa separación é consecuencia precisamente de que sexamos un país, o noso país. En Madrid, Castilla, Andalucía, Extremadura..., non ocorre así. Gustaría que os sindicatos se entendesen mellor entre eles para cousas mínimas, que a CIG e CC.OO. e UGT marchasen xuntas, mais prefiro que non sexa así se o prezo a pagar é que todos teñamos que obedecer o que nos manden desde La Puerta del Sol ou La Castellana ou calquera outro lugar onde decidan esas dúas centrais españolas. O que nos fai país e que nos permita reclamar que o noso país sexa noso é precisamente a autoorganización en todos os ámbitos, tamén ou primeiramente no sindical.

 

Se o prezo a pagar para que teñamos sindicatos que nos defendan desde esta realidade, se o prezo a pagar para non ser catro provincias esquecidas e sometidas á corte cos seus dirixentes capitalinos é marchar separados pois é un prezo pequeno.

 

O que nos fai país e que nos permita reclamar que o noso país sexa noso é precisamente a autoorganización en todos os ámbitos

 

E o importante desta mobilización en concreto, que conseguiu o que pretendía, é obrigar a recuar ao Goberno e facer visíbel o maltrato social. A forza foi efectivamente o número de manifestantes, particularmente en Bilbao, e sobre todo a idade deses manifestantes.

 

Porque é moi doado para os medios ao servizo do poder descualificar o dereito e a pertinencia de mobilizacións por causas que se consideran minoritarias, porén neste caso eran os maiores, os vellos e vellas, os pais, os avós e avoas. Unha figura que ten un carácter case universal. A nosa sociedade realmente utiliza a mocedade para que funcione a máquina de consumo mais logo négalle oportunidades para crecer e realizarse, esta Galiza segue a exportar carne humana e esta España de agora tamén. No canto os nosos maiores, aínda que non “marquen tendencia” ou sexan guais teñen unha autoridade moral que todos recoñecemos.

 

E eses maiores acaban de retratar a inmoralidade de M. Rajoy e deste goberno dun modo que non ten volta atrás. Acaban de perder as eleccións.



x