Estou sorprendido do súpeto furor que xurdiu en España con respecto da Arte e do Patrimonio coas obras de Sixena, e se non fose por que dubido que ese furor veña acompañado da mesma ansia pola recuperación de outros Patrimonios, sería para poñerse contento.

 

Todo indica que algunhas decisións xudiciais que se aplican aínda antes de rematar todos os recursos legais dos que se dispoñen, non se levan a cabo noutros contextos e noutros territorios, polo que sospeito que tales cousas fanse agora por algún escuro, pero moi claro, motivo político. Se non fose así, eu invito a todos estes amantes da Arte e reclamar e esixir que se faga o mesmo no resto do País. En Galiza temos moito do que falar, e se empezamos polo Pazo de Meirás e as figuras do Pórtico da Gloria teríamos un listado inmenso. Do abandono do noso Patrimonio e da súa destrución polos lumes, parques eólicos e plantación de eucaliptos entre outras cousas, mellor sentarse, porque poderíamos estar falando varios meses. Imaxino que as nosas autoridades tan contentas co que acontece en Cataluña, comecen xa a colaborar cas devolucións e fagan plans urxentes para evitar que o que temos non sexa destruído no futuro. Eu tamén penso como eles din que pensan, que o Patrimonio material de unha terra ten que ser respectado, coidado e divulgado e por iso espero que teñan a vergoña de seguir esixindo o mesmo aquí.

 

É moi triste ver o abandono e o esquecemento no que se atopa, por exemplo, a nosa Arte Rupestre, o noso Megalitismo, e os asentamentos celtas pre-romanos que proliferan nesta terra

 

É moi triste ver o abandono e o esquecemento no que se atopa, por exemplo, a nosa Arte Rupestre, o noso Megalitismo, e os asentamentos celtas pre-romanos que proliferan nesta terra e no que, ben respectado, coidado e divulgado, seríamos unha potencia. Se a algún destes grandes amantes da Arte e do Patrimonio se lles ocorrese facer un bo plan para a súa recuperación e posta en valor e o promoveran coa mesma forza que agora promoven o traslado de Sixena, crearíanse ben de postos de traballo sen necesidade de construír Polígonos Industriais que estarán baleiros criando plumeiros, ou Polideportivos que non se usarán pola falta de nenos. E non hai un Concello que non teña un tesouro. Toda Galiza está chea de riqueza en forma de restos arqueolóxicos e debe de ser por iso, porque hai tantos, que non distinguimos que ese é o tesouro que sempre estivemos buscando. Temos moita sorte de que este amor pola Arte prenda por fin nos que até agora, ignorantes nós,  tíñamos por brutos insensibles.

 

Estamos de noraboa porque tanto os Arquivos de Salamanca como os de Simancas e Tordesillas van a devolver a Galiza o que lle pertence

 

Debémonos ir preparando para a pronta acción dos xuíces e das autoridades e tamén felicitar ós veciños de Elche e de Guernika, xa que dúas grandes Obras de Arte que se atopan agora mesmo en Madrid serán devoltas a onde sempre deberon de estar coa mesma celeridade coa que se aplicaron en Lleida. Estamos de noraboa porque tanto os Arquivos de Salamanca como os de Simancas e Tordesillas van a devolver a Galiza o que lle pertence. Retornará  toda a información e manuscritos que pertenceron ó Reino de Galiza. Imos ter acceso a recuperar os pecios e poñer en valor todo o relacionado ca nosa Arqueoloxía Submarina. Saberemos que foi de miles de galegos que nunca tornaron a súa casa. Poderei consultar os arquivos sen ter que desprazarme á cidade do Tormes, a ver se teño sorte de atopar pistas que me digan en que cuneta estará tirado meu tío desde que foi  "…pasado por las armas en cumplimiento de la sentencia dictada en  Consejo Sumarísimo de Trinchera a 26 de Agosto de 1938”. O motivo xa o sei. Ser Republicano.

 

Poderei consultar os arquivos sen ter que desprazarme á cidade do Tormes, a ver se teño sorte de atopar pistas que me digan en que cuneta estará tirado meu tío

 

É unha sorte que toda España estea concienciada con este tema tan importante como é o Patrimonio Cultural, Artístico e Arqueolóxico e máis sorte é ver como neste caso, os equidistantes, pouco aportan e menos quitan. Está o país enteiro concienciado, e que se vaian preparando todos aqueles cantos de algunha maneira, permitiron cos seus actos ou coa ausencia deles, o deterioro, a perda ou o secuestro duns bens que son de todos o galegos e que supoñen para Galiza unha riqueza incalculable tanto económica como cultural. Serán chegados os tempos? Ou será todo “postureo”?

 



x