As elites e os políticos ao servizo desas elites queren asentar a ideia de que as nazóns deben deixar de existir porque son un atraso, e por iso non lles pasa dos dentes o trunfo do Brexit. Tudo o estabelecimento, nacional e internacional, protesta contra unha decisión que queren apresentar como tomada por brutos e ignorantes, xente baixa e sen cultura que se deixou levar por sentimentos e emocións primitivos e non foi racional nen fixo caso do expertos e dos que teñen categoria e están a frente das grandes institucións.

O trunfo do Brexit foi o trunfo da democracia e do ¨povo¨ frente a tudo o peso da sociedade estabelecida

Iso foi o que se dixo sempre das mulleres, que se deixaban levar polo sentimento e non podían pensar nen razoar, e portanto había que tirarlles os direitos e tratalas como menores de idade. E foi o que se dixo dos escravos e das clases e razas ¨inferiores¨.  A reación ao Brexit é tan altanera e despreciativa que o mais surprendente é que non sintan vergoña de se manifestaren dese xeito e nen tenten disimular a raiva. No neoliberalismo, a ¨democracia¨ está moi ben sempre que a dirixan e manexen as elites, porque ¨o povo¨ non ten luces para saber o que lle convén. Mas o trunfo do Brexit foi o trunfo da democracia e do ¨povo¨ frente a tudo o peso da sociedade estabelecida, incluida esa chamada esquerda que é a grande colaboradora do sistema neoliberal e a mais frustrada agora por un Brexit que lle fai máis difícil seguir disfarzando de internacionalismo o que é supranacionalismo e dictadura das elites.

Enténdese que as elites nacionais e internacionais construiran e difundiran a utopía da Union Europeia, ese conxunto de países que renunciaron a seren nazóns para se transformaren nunha masa informe, nun paraíso sen políticos e sen política manexado por burócratas. O que está mais difícil de entender é como cuase tuda a esquerda se apontou primeiro con fervor relixioso a esa utopía e agora non atura que un integrante dese conglomerado decidise marchar e recuperar a soberanía e a independenza. Porque o voto do Brexit non foi por racismo, nen polo vello imperialismo, nen por xenofobia, nen foi un voto dos vellos para volver ao pasado, como dixeron. Foi un voto para recuperar a soberanía e a nazón, e un exemplo do que é a verdadeira democracia.