O de que pasen os anos e non se escolla Carvalho Calero para o Día das Letras Galegas xa empeza a ser un desdouro para a Galiza, pois que a fai parecer un país atrasado que non sabe aprezar o que vale e non quer amostrar recoñecemento a quen o merece. Certo que non é o país o que decide neste caso, mas quen decide é unha institución, a Real Academia Galega, que actúa no seu nome. A Real Academia Galega é unha institución pública que se supón que está integrada por persoas cultas e distinguidas, e non debería emperrencharse e praticar a inxustiza máis notoria. Porque é inxusto o de desbotar a alguén da ¨sociedade¨ e pouco menos que aniquilalo por ter ousado oporse a un enfoque e normativa da língua galega.

 

Xa se levan escollidos para o Día das Letras Galegas algun escritores que non valen moito, para apresentar a alguén e non apresentar a Carvalho. Mas haberá  poucas figuras nas letras galegas que teñan tanto labor feito e publicado, e moi poucas coa honorabilidade, o rigor intelectual e a intelixencia crítica que el amostrou sempre. Foi moito o que peneirou, clarificou e iluminou. A honradez intelectual de Carvalho foi de alto nivel, excepcional, e esa é unha virtude que escasea en todas partes e hai que celebrar.  

 

Xa se levan escollidos para o Día das Letras Galegas algun escritores que non valen moito, para apresentar a alguén e non apresentar a Carvalho

 

A Real Academia Galega está actuando como se non entendese que unha normativa non pode virar unha dogmativa, que normas e dogmas non son a mesma cousa e que as normas sempre se poden mudar e cuestionar porque non hai nengunha verdade ¨relixiosa¨ por detrás delas. Pensar que un determinado enfoque e unha determinada normativa da língua galega son sagrados e non se poden nen discutir é mais proprio dunha secta que dunha institución que non pode estar para dictar, expulsar, proclamar dogmas e aupar santos. E moito menos para perxudicar a Galiza con comportamentos que a deshonran e a fan parecer atrasada.

 



x