Saltar ao contido
17:56 h. Segunda feira, 22 de Decembro do 2014

Opinión

Teresa Barro

Teresa Barro

Escritora
Vota:

Familia non patriarcal

Hai un exercicio mental que gosto de facer: o de imaxinar unha Galiza sen patriarcado. Sería un estreo mundial, un país que conseguese sair dese sistema que impera desde tempos inmemorais no mundo inteiro. O patriarcado rexe a familia e a política nacional e internacional, afecta tanto ás mulleres como aos homes e non o vemos porque nacemos nel e parécenos natural e a única forma de viver.

"O patriarcado rexe a familia e a política nacional e internacional, afecta tanto ás mulleres como aos homes e non o vemos porque nacemos nel e parécenos natural e a única forma de viver".

Non é doado imaxinar, e menos na Galiza, onde o patriarcado ten unha forza inmensa, como funcionaría, por exemplo, a familia non patriarcal, pero sería un exercicio útil, pois que na familia patriarcal é onde se insiren os padróns que logo se repiten na sociedade toda:  superioridade e inferioridade natas, xerarquía ¨natural¨ e submisión á autoridade.

Na familia patriarcal non se nace con direitos, senon con obrigacións para as autoridades divinas e humanas que permitiron ese nacimento do que hai que estar sempre agradecidos. A familia de seu ten moita máis importancia que os que a integran, que por separado non valen nada. Os fillos nacen para os pais e débenlles todo: son fillos e fillas-obxeto. Nas formas mais exaxeradas de patriarcado, todas as responsabilidades recaen sobre eles; os pais fixeron abondo con traelos ao mundo. O natural sería que a responsabilidade recaese sobre os pais, pero o patriarcado é un sistema perverso que vira todo ás avesas e apresenta o antinatural como natural. O de eximir ás autoridades familiares de responsabilidade porque xa cumpliron traendo fillos ao mundo asenta un padrón de irresponsabilidade que logo se repite en toda a sociedade e leva a que as autoridades políticas, eclesiásticas e de todo tipo non se sintan obrigadas a renderen contas nen a responderen polo que fan.

"Na familia patriarcal non se nace con direitos, senon con obrigacións para as autoridades divinas e humanas que permitiron ese nacimento do que hai que estar sempre agradecidos".

Na Galiza é moi forte e pesada esa carga de responsabilidade primaria que recae nos fillos e síntese como unha débeda cós pais que nunca se poderá pagar.

As galegas e os galegos levamos sempre enriba  o peso desa débeda como un sentimento de culpabilidade e unha carga que non nos deixa mover e  nos couta a posibilidade de facernos a nós propios e construir un futuro.

Como sería a familia non patriarcal? O primeiro de todo é que non habería a superioridade ¨nata¨ e indiscutíbel do varón nen a inferioridade tamén nata da muller, pois que iso é un padrón que impuxo o patriarcado. E con iso van os rols que o patriarcado asigna ao home e á muller, sempre vinculados á familia e á reprodución. O patriarcado impón a reprodución como tarefa rotineira e automática, e impide a criación, na familia e en todo o demais.O rol subordinado que impón á muller a inferioriza, a anula, a maltrata e a obriga a ser nai. O rol que impón ao home, de principal continuador da familia autoritaria mediante a transmisión do apelido, é dicer, da marca da súa familia, escravízao tanto como á muller, anúlao e estrágao moito máis, e faille moito mais difícil libertarse das cadeas da familia na que nace, á que se sinte obrigado a entregarlle todo.  

A superioridade e inferioridade indiscutíbeis que o patriarcado estabelece xa na familia sirve para logo fixar ese padrón de desigualdade e xerarquía en toda a sociedade. Como se podería botar abaixo un dos pilares do patriarcado e do sexismo que ese patriarcado impón? Facendo que os fillos tomasen o apelido da nai e non o do pai, que sería o mais natural tamén. Iso xa traería un cambio moi notábel no mundo. A Galiza podería ser o primeiro país que o propuxese. 

Outros artigos
Outras voces
publicidad
publicidad