Empeza a verse, agora que estamos no século XXI, que o feminismo do século pasado tivo desacertos e que habería que pensar en iniciar novos camiños e outras maneiras de pensar no asunto. Un dos principais fallos do feminismo do XX  foi o de non ter en conta que a situación das mulleres fora criada por un sistema de xerarquía e dominación, o patriarcado, e que desfacer ese sistema era o mais importante, porque, mentras seguise funcionando, tiña poder abondo para virar todo o que semellase favorecer á muller en algo que a suxeitase doutro xeito e fortalecese o sistema.

 

O patriarcado é un sistema dictatorial pensado para centralizar e darlle mando total ás autoridades, familiares, políticas, relixiosas e sociais.  O feminismo do século XX preferiu botarlle a culpa de todo aos homes e pintar ás mulleres como vítimas deles, pero foi o sistema o que lle deu autoridade aos homes sobre as mulleres para implantar xerarquía nata, e tería funcionado igual se tivese decretado que as mulleres eran as superiores e os homes os subordinados. Do que se trataba era de que, desde o comezo da vida,  uns nacesen para mandar e ser adorados, e outros para adorar e estar amarrados.

 

O patriarcado é un sistema dictatorial pensado para centralizar e darlle mando total ás autoridades, familiares, políticas, relixiosas e sociais

 

A decisión do feminismo do século XX de que os homes tiñan a culpa toda e que as mulleres eran vítimas deles funcionou na práctica en contra das mulleres e fíxoas parecer frouxas e raquíticas, xusto o que o sistema quixo sempre. Como pode ser que a metade da poboación humana, que son as mulleres, se deixase maltratar e inferiorizar pola outra metade, que son os homes, durante tantos anos e séculos?  Ou é que as mulleres valen pouco e queren que manden nelas, ou ten que ser que o sistema as deixou sen recursos e as obrigou a submeterse. Máis aínda, só se explica a persistencia desa situación se no sistema colaboran as proprias mulleres e receben premios por esa colaboración. O sistema subiu de categoría ás nais, comparadas coas demais mulleres, a condición de que usasen o poder emocional sobre os fillos para levalos ao seu ¨destino¨ según fosen varóns ou femias.  Se as mulleres aceitaron o papel de submisas e obedientes foi porque outras mulleres máis vellas, con autoridade na familia e na sociedade, adéstraronas na submisión aos homes desde que naceron e obrigáronas a desempeñar o rol marcado polo sistema.  E tampouco hai que esquecer o moito que apoiaron o sistema os que falaron en nome das relixións e fixeron crer ás mulleres que non debían rebelarse contra o que os deuses querían.

 

O sistema dictou os roles que correspondían a cada sexo.  Fixou os esteoreotipos que lle conviñan para que todas as pezas funcionasen ben endentadas, e fixo imposíbel saber o que é masculino e feminino de verdade.  As mulleres non se coñecen a sí mesmas nen saben cál poderá ser o seu potencial, e os homes tampouco, porque están tan manexados polo sistema desde que nacen como as mulleres.  Saír desa dictadura e das ideas falsas que sementou e inseriu nos dous sexos non vai ser doado, e a única maneira de facelo será buscando a verdade e descimentando o sistema.

 



x