Estaba eu estudando en Santiago, no curso 1955-56, cando faláronme por primeira vez do grande proxecto que sería algun día a Unión Europeia, que daquela era ainda a Comunidade Europeia do Carbón e o Aceiro.  Dicíase que con aquilo resolveríase o problema das nacionalidades, pois que Galiza, Cataluña, o País Basco, Escócia, a Bretaña francesa e todas as demais entrarían nese proxecto como nazóns autónomas.

 

Esa idea segue viva hoxe, a pesar de que a realidade demostrou durante mais de meio século que non tiña base nengunha e que non formara parte nunca do proxecto ¨europeo¨.  Ou foi que moitos viron as cousas como as querían ver sen atender á verdade, ou foi un engano deliberado para construir, coa bendizón de todos, a Europa unificada, centralizada e benmandada coa que soñaran sempre algúns e que tanto lles conviña aos ¨ianquis¨ para acadar a supremacía que querían.

 

Se alguén tiña ainda algunha dúbida de se aquel soño podería virar realidade, non hai mais que ollar ao que lle sucedeu á Escócia hai moi pouquiño para ver que Bruxelas non quere as nazóns separadas. O imperio romano e o austro-húngaro foron moito mais acolledores das diferencias entre países que a Unión Europeia, que aspira a que desaparezan os pequenos e os grandes e fique só unha administración supranacional formada por elexidos divinos con mando absoluto sobre todo e todos.  Cando os nacionalistas escoceses quixeron demostrar que non concordaban có Brexit e que querían ser ¨europeos¨, e foron pedir a Bruxelas que acollese a Escócia, despedíronos de mala maneira e dixéronlles que a Unión Europeia só trataba coas nazóns, nese caso o Reino Unido, e non con pequenos e insignificantes aspirantes a nazón.

 

O imperio romano e o austro-húngaro foron moito mais acolledores das diferencias entre países que a Unión Europeia

 

A min, desde aquel primeiro momento en que me explicaron o proxecto do que había de ser a Unión Europeia e me entregaron algun escritos sobre o asunto, pareceume que non podería funcionar nunca no sentido en que dicían que o faría, e que era mesmo o contrario da verdadeira Europa, ainda que se apoderase dese nome.  Era o soño ou fantasía dos que aborrecían a diversidade e a liberdade. O que eu mais apreciaba da Europa era a criatividade que xurdía mesmo de ser tantos países tan diferentes.  Esa ¨fragmentación¨ que tanto estorbaba aos supremacistas e aos que querían virala un exército obediente ás ordes dos que mandaban, era a fonte da sua forza e orixinalidade.  Sen iso, sería unha masa informe que moldearían como quererían os que se apoderarían dela.  Iso, para min, non sería nunca Europa, como España no sería nunca a que fabricaran os que a unificaran e a centralizaran.  Europa era a outra, a que logo quedou esmagada, como quedou España, polos que usurparon o seu nome.



x