É feminista dicer ¨os galegos e as galegas¨?  É mais xusto iso que dicer só ¨os galegos¨?  Ou, como todo o políticamente correcto, é censura, imposición, convención conformista e xesto que confire respeitabilidade e serve para indicar que se está entre os ¨bons¨, os que son como hai que ser?

 

Non todo o que se apresenta como feminista axuda ás mulleres, nen o que se apresenta como igualitario trae mais igualdade. Hai sempre que analizar e non deixarse levar polas correntes que xurden en todas as causas, que moitas veces están mal pensadas e teñen mais de moda que de outra cousa e fan dano á causa que din defender.

 

O principio básico do feminismo ten que ser aspirar e axudar a que as mulleres deixen de estar oprimidas e consideradas inferiores aos varóns. Pero levar os principios á práctica non é doado, e cando hai ¨superiores¨ e ¨inferiores¨ é sempre tentador imitar aos que teñen o poder e querer ser como eles, en vez de buscar camiños de autenticidade. Se por feminismo enténdese que as mulleres queiran ser como os homes en todo, iso é partir de que a muller é inferior, e demostra admiración polos varóns e polo que eles fan. Vén sendo machismo disfarzado de feminismo.

 

Centrarse no ¨xénero¨ leva a non falar das mulleres, como se desen vergoña, e a tapalas, acalalas e apagalas.  En vez de falar das mulleres, fálase dalgo abstracto, sen humanidade e sen sentimento, unha palabra sen peso nen historia. Falar de violencia de xénero, en lugar de chamarlle violencia contra as mulleres, ou violencia familiar, ou maltrato das mulleres, ou odio a elas, fai moito mais doado apontarse ao correcto e quedar ben sen ter que facer nada. É un eufemismo para non asustar, como o de chamar perdas colaterais aos que se matan nas guerras.

 

Se por feminismo enténdese que as mulleres queiran ser como os homes en todo, iso é partir de que a muller é inferior

 

O de duplicar o xénero como xesto feminista e dicer ¨os galegos e as galegas¨, etc. , nasceu mesmamente nunha língua, o inglés, que non ten xénero gramatical. Hai línguas, como o inglés, que non teñen xénero gramatical; outras, como o castelán e o galego, que teñen dous; outras, como o alemán, que teñen tres, e outras que teñen máis. Esa é a idiosincrasia de cada língua, e non significa que unhas sexan mais machistas que outras. A gramática de cada língua é como é, como se foi facendo na fala e na escrita, e non ten nada que ver co sexo. A lúa ten xénero feminino no galego e xénero masculino no alemán; a palabra ¨labor¨ é de xénero masculino no galego e de xénero feminino no castelán: la labor; ¨leite¨ ten xénero masculino en galego, o leite, e feminino en castelán, la leche. E hai palabras que abarcan a todos os humanos, sexan varóns ou femias, negros ou brancos: ¨persoa¨ ou ¨xente¨, de xénero feminino, abarcan aos varóns e ás femias. A palabra ¨galegos¨ abarca ás mulleres e aos homes. Sábese moi ben que cando se fala dos galegos, as mulleres están tan incluidas como os homes.  Separalas, recalcando a sua existencia e diferencia có de ¨os galegos e as galegas¨, exclúe ás mulleres dunha historia na que estaban integradas e que lles pertence tanto como aos homes, e as deixa a mercé de quen quera nomealas e de quen as quera silenciar. Abre as portas á condescendencia e á dependencia: vén sendo como se, para demostrar que non se é racista, houbese que dicer ¨a xente e os negros¨, có que se negaría que os negros fosen ¨xente¨ antes de que os nomeasen por separado.

 

Se se deixa que penetre na língua este grande erro do duplicado de xénero, o resultado será que as mulleres quedarán excluidas para sempre da palabra ¨galegos¨ e, en lugar de gañar terreo, perderano.  Non adquirirán máis visibilidade, senon menos, porque deixarán de existir de non ser que as nomeen explicitamente en cada caso.  E, en lugar de ser unha conquista feminista, que axude ás mulleres, axudará ao machismo.



x