Multiplicouse a violencia de novo no chan palestino. Violencia do exército israelí e violencia das milicias palestinas. Pero sempre, violencia contra a poboación civil dunha banda e da outra; homes, mulleres e nenos inocentes.
Multiplicouse a violencia de novo no chan palestino. Violencia do exército israelí e violencia das milicias palestinas. Pero sempre, violencia contra a poboación civil dunha banda e da outra; homes, mulleres e nenos inocentes. En calquera caso, violencia desproporcionada por unha das partes: non o dobre nin o triplo de vítimas nun bando a respeito do outro, senón en proporción de vinte a un!; semellante ás represalias dos nazis contra a poboación civil, cando a resistencia partisana mataba a algúns dos soldados da ocupación. Casas destruídas, homes, mulleres e nenos masacrados…

E violencia sempre inxustificada. Porque, a inmensa maioría da poboación palestina que vive na franxa de Gaza e noutras zonas palestinas é xente pacífica; tanto a poboación musulmana, coma os numerosos cristiáns palestinos, pertencentes a distintas confesións cristiás. Nun documento de hai catro anos (Documento Kairós Palestina), que resulta ciclicamente actual, partindo do texto bíblico que encabezaba estas liñas, dicían: “Todos falan de paz e de proceso de paz en Medio Oriente, mentres que todo iso non é até o de agora máis que puras palabras. A realidade é a ocupación israelí dos Territorios Palestinos, a privación da nosa liberdade e todo o que resulta diso”: O muro de separación, construído sobre as terras palestinas, que confiscou unha gran parte das mesmas e converteu as súas cidades e os seus pobos nun verdadeiro campo de concentración con zonas incomunicadas que dispersaron as familias. As colonias israelís que “nos despoxan da nosa terra, no nome de Deus ou no nome da forza”. A humillación á que son sometidos cada día os palestinos cos controles militares cando van cada día ao seu traballo, á escola ou ao hospital. A separación entre os membros da mesma familia, que fai imposible a vida familiar para millares de palestinos. Os refuxiados, que viven en situación aínda máis difíciles, en moitos caso inaceptables para seres humanos. Os millares de prisioneiros nas prisións israelís, a meirande parte sen xuízo. Etc, etc. A mesma Xerusalén (“cidade de paz”), no canto de ser a cidade da reconciliación, converteuse en cidade discriminación e de exclusión, “fonte de conflito en lugar de fonte de paz”, coas palabras do documento.

Fronte a esta situación de violencia, os cristiáns palestinos afirma a súa fe nun Deus de todos “bo, xusto e amante de tódalas creaturas”; particularmente dos seu fillos humanos, cuxa dignidade ven do mesmo Deus e é igual en cada persoa, e busca que os
humanos se coñezan e se amen, que no chan palestino desenvolvan xuntos esa terra de todos.

Os cristiáns de “Kairos Palestine”, teólogos e xente da base, organizáronse hai catro anos convencidos de que compría unha voz profética que chamase ás igrexas á acción fronte a violencia que sofre o pobo palestino. Convencidos de que este é o “kairós”, o momento crucial para facelo, como fixeron hai máis de cinco lustros contra o apartheid en Sudáfrica. A mobilización acadou o éxito da loita.

Do mesmo xeito, estas verbas de urxencia, queren ser para invitar a ter presentes na nosa mente, no noso corazón, nas nosas tripas, e na nosa acción aos nosos irmáns que padecen unha vez máis a violencia nesa pequena franxa de terra, e actuar contra eses crimes. Son verbas para convocar á xente de ben de A Coruña a participar este serán na convocatoria da concentración “Galiza con Palestina. Non ao masacre!”. Porque igual que fixemos folga e nos manifestamos o pasado 14 contra as políticas que afogan aos traballadores do noso país, o que lle acontecen aos nosos irmáns e irmás en Oriente Medio non nos é indiferente.

“Galiza con Palestina. Non ao masacre!”, en A Coruña, no Obelisco, ás 8,30.


x