As noticias corren hoxe tan rápido que de contado se fan vellas, e os medios buscan con avidez cousas novas. Pero a chegada dun novo papa da Igrexa católica interesa a todos, sexan fieis ou non desa Igrexa.

As noticias corren hoxe tan rápido que de contado se fan vellas, e os medios buscan con avidez cousas novas. Pero a chegada dun novo papa da Igrexa católica interesa a todos, sexan fieis ou non desa Igrexa. Máis aínda, se isto ven cargado de novidades, se interpreten do xeito que se interpreten: Dimisión histórica dun papa e chegada doutro novo que ven de máis lonxe que nuncaa ese cargo.

A elección, a persoa, o nome e as primeiras verbas do novo bispo de Roma e papa da Igrexa universal, Jorge María Bergoglio-Francisco I, resultáronme moi gratas por varias razón:

- É un papa que non sal dos candidatos “estrela” de ningún dos dous grandes grupos en liza: italiano ou europeo/norteamericano. E, sobre todo, non sal do seo da curia, chea de escuridade e intrigas que cadran moi pouco co espírito de Xesús de Nazaret.

- É latinoamericano e mesmo xesuíta. Isto é importante non so por ser o primeiro caso da historia senón porque moitos pensamos que, sobre todo isto último, é unha garantía de que pode facer algo bo;aínda que nos xesuítas están o mesmo os curas máis progresistas (protagonistas da teoloxía da liberación) coma os máis integristas.

- É coñecido coma un home sinxelo (seica viaxaba até o de agora en transporte público, non en coche oficial) e tenme cara de boa persoa. Presentouse non coma un rei, co manto de armiño habitual dos papas, senón só coa sotana e a esclavina brancas que lle tiñan preparada; tampouco levaba unha cruz de ouro, senón de madeira. Non é de estrañar que o chamaran “o novo Xoán XXIII”.

"Foron verbas sinxelas e humildes, como as que diría calquera persoa: “Boas tardes irmáns e irmás”

- As súas primeiras verbas non foron as típicas grandilocuentes dos papas; foron verbas sinxelas e humildes, como as que diría calquera persoa: “Boas tardes irmáns e irmás” (as mulleres non son invisibles); logo escoitamos outras tan fermosas como “fraternidade”, “amor” e “confianza”; e despediuse dando as boas noites e desexándolle un bo descanso á xente que aturaba o frío e a auga da praza de San Pedro, coma calquera da casa. E, máis importante aínda, antes de bendicir á xente como posuidor do poder de Deus, pide que a xente o bendiga a el e baixa a cabeza para recibir a súa benzón.

- Non me estraña por iso que o nome escollido fora Francisco, coma o do meu santo preferido e o de moita xente: Francisco, o pobre e libre irmán de Asís. Quizais tamén coma o misioneiro Francisco Xabier, un dos primeiros xesuítas, compañeiro de Ignacio de Loiola.

´"Únome con esperanza ao desexo de moitos miles de cristiáns para que o novo papa teña ánimo e forzas para a profunda renovación que a Igrexa necesita"

Lin de seguida, tamén neste xornal, cousas que semellaban mostrar unha cara fea deste home amable con cara de bo. Que apoiara a Videla e non defendera aos seus curas críticos coa temible, represora e tráxica ditadura arxentina. Tamén que non apoiaba nin o aborto nin os matrimonios homosexuais. Non coñezo a fondo a verdade de todo isto; pero paréceme inxusto hipotecar o seu posible labor con estas afirmacións. Que non era un home progresista, resulta evidente; de ser así no tería chegado a arcebispo dunha arquidiocese como Buenos Aires, nin tería chegado a cardeal. Non hai xente progresista neses cargos... Pero se é unha boa persoa, confío nel, aínda que poida ter escuridades no seu pasado (quen non?)

Pero sigo crendo que é un home bo –que por riba, parece que tamén ten paixón pola xustiza e os dereitos dos máis pobre e critica o capitalismo, como non podía ser doutra maneira con estas premisas-, e se é así fará por cambiar o que poida as cousas nunha Igrexa chea de escuridades e casorios co poder, que hipotecan a súa liberdade.

Por iso únome con esperanza ao desexo de moitos miles de cristiáns para que o novo papa teña ánimo e forzas para a profunda renovación que a Igrexa necesita, nun momento privilexiado para facelo, como foi o tempo de Xoán XXIII. Que renove profundamente a curia facéndoa máis transparente e democrática; que a Igrexa saiba pedir perdón polo mal que ten feito cos seus abusos e colabore para facer dela unha institución libre, comprometida pola xustiza e verdadeiramente útil para a xente, sobre todo para os que máis sufre, na construción dun mundo realmente mellor.



x