“As motivacións da miña vida sempre foron evanxélicas, nunca busquei na política ningún interese persoal. Considerei a miña actuación política como unha participación nun ámbito democrático e para colaborar coa democracia neste país; porque crin que era necesario defender o país nunha liña de liberación” (Victorino Pérez, Galegos e Cristiáns, Vigo 1995).

“As motivacións da miña vida sempre foron evanxélicas, nunca busquei na política ningún interese persoal. Considerei a miña actuación política como unha participación nun ámbito democrático e para colaborar coa democracia neste país; porque crin que era necesario defender o país nunha liña de liberación” (Victorino Pérez, Galegos e Cristiáns, Vigo 1995).

Francisco Carballo foi, sen dúbida, unha figura fundamental na cultura e na sociedade galega contemporánea; particularmente como un incansábel promotor de iniciativas culturais, pero tamén como investigador, historiador e escritor, salientablemente sobre a Igrexa e a historia de Galiza. Galeguismo e cristianismo foi o eixo artellador da súa vida, vertebrada polo compromiso con Galiza e coa causa de Xesús de Nazaret. 

Pero Carballo foi ninguneado polos poderes políticos, civís e relixiosos. A el importoulle sempre moi pouco, porque era verdadeiramente unha persoa boa e xenerosa, que se metera activamente en política non para chupar dela, senón por algo tan pouco habitual hoxe como “por unha razón de defensa do débil”, como me ten comentado el mesmo e expresaban tamén as verbas que iniciaban estas letras. Ainda que a este ninguneo xerárquico sumouse durante un tempo unha certa persecución política polo seu compromisos solidario e democrático coa nazón galega, os amigos que tivemos a sorte de ter un trato de preto con el sabemos que esta actitude vergoñenta das xerarquías da Igrexa e da sociedade galega non lle roubou nin un chisco da alegría e do optimismo que rebordaba sempre.

"Porque Paco Carballo quedará na historia e na memoria dos bos galegos, cristiáns e non cristiáns, como un home que soubo ser fiel até o fin aos ideais evanxélicos e sociais galeguistas". 

Moi expresivo disto foi a homenaxe que lle fixemos os amigos en Marín aló polo ano 2005, con motivo dos seus oitenta anos marabillosa e activamente levados. Unha polivalente e ampla mesa redonda, formada por políticos, profesores, escritores e curas, lembrou a súa figura e o seu portentoso traballo. Estabamos nela: Pilar García Negro, Santiago Prol, Engracia Vidal, Rubén Aramburu, Victorino Pérez, Anselmo López Carreira, Francisco Rodriguez e Afonso Eyré. Xosé Chao e outros moitos amigos tamén andaba por alí; amigos de A Nosa Terra, Encrucillada, Irimia, o BNG… nacionalistas e cristiáns galeguistas, xente da bisbarra e amigos vidos de lonxe… un nutrido grupo de homes e mulleres, novos e vellos, que medrou logo na cea. Pero, aínda que a homenaxe foi en Marin, a vila onde vivía no colexio dos paules, non o acompañaron ningún dos seus compañeiros frades, cos que convivía a diario, nin moitos curas, nin a diocese mandou nin sequera unhas corteses palabras de adhesión. Iso que el mesmo dixo naquela sa da biblioteca de Marin: “O piar sobre o que se asenta toda a miña vida é a miña fe en Xesús de Nazaret”. Outros poderá falar de como tamén pasaron del os xerifaltes políticos e culturais do país. 

Eles o perderon. Porque Paco Carballo quedará na historia e na memoria dos bos galegos, cristiáns e non cristiáns, como un home que soubo ser fiel até o fin aos ideais evanxélicos e sociais galeguistas. E eses son os imprescindibles, Bertold Brech dixit.



x