Saltar ao contido
12:11 h. Cuarta feira, 01 de Outubro do 2014

Opinión

Victorino Pérez Prieto

Victorino Pérez Prieto

Vota:

O matrimonio homosexual en Francia, un avance das liberdades

O recente debate sobre o matrimonio homosexual en Francia tivo unha virulencia que sorprendeu a moitos, pois non se agardaba tal reacción contraria nunha sociedade que pensabamos tan laica e liberal: a república herdeira daquela revolución francesa que proclamara a sangue e lume “liberté, égalité e fraternité”, para acabar co “ancien régime” opresor, clasista e inxusto. Pero moitos xa sabiamos do vivas que estaban as forzas máis reaccionarias dese país, coas súas proclamas  fascistas, e da regresión que se fora realizando nos últimos tempos en gran parte da Igrexa gala, posicionada fronte a toda postura progresista. 

As multitudinarias manifestacións ultraconservadoras en contra –“ultras”, pois tamén segue a haber unha dereita civilizada que busca unha sociedade máis democrática, e algúns deputados de dereitas votaron a favor do matrimonio homosexual fronte as consignas en contra-, chegaron a nomear cinicamente esas mobilizacións coma unha nova “primavera francesa”, lembrando aquel maio do 68 que tanto deostaran.

"O bispo Jacques Gaillot no dubidou en falar nun artigo do “avance democrático considerable” que supón a nova lei do matrimonio homosexual",

Pero fronte a esas posturas reaccionarias e intolerantes dunha parte da Igrexa francesa, o coñecido bispo Jacques Gaillot –emérito de Partenia-, que sufriu nas súas carnes a exclusión e a deposición da súa sé diocesana de Evreux, por defender hai anos os dereitos dos homosexuais, ergueu unha voz, marabilla de tolerancia en defensa do amor teña o cariz que teña; el no dubidou en falar nun artigo do “avance democrático considerable” que supón a nova lei do matrimonio homosexual, que se irá impondo en Francia, como ocorreu noutros países. “Entón darémonos de conta de que este matrimonio tan aldraxado non lles fai perder ningún dereito aos demais; que non é, de ningunha maneira, unha ameaza para as familias chamadas ‘normais’, nin unha regresión para a sociedade”. Pola contra, este recoñecemento da parella homosexual “enmárcase dentro do poderoso movemento de modernidade que, ao longo dos anos, fixo valer os dereitos imprescritibles do individuo e da súa autonomía”, e “o amor entre dúas persoas do mesmo sexo é un dereito fundamental”. 

Que distinta a postura doutro bispo español, e galego, Antonio Rouco Varela! O cardeal arcebispo de Madrid abría a última asemblea plenaria dos bispos españois, mostrando o seu descontento co Goberno, pola súa indolencia para resolver as cuestiones do aborto e do matrimonio entre parellas do mesmo sexo, que atinxe, dixo: “á estruturación básica da vida social; protexer un dereito tan básico dos nenos como é o de ter unha clara relación de filiación cun pai e unha nai, ou o de ser educados con seguridade xurídica como futuros esposos ou esposas”.

"Que distinta a postura de, Antonio Rouco Varela mostrando o seu descontento co Goberno, pola súa indolencia para resolver as cuestiones do aborto e do matrimonio entre parellas do mesmo sexo"

O bispo francés, que me honro en ter como amigo -amizade mutua, como nos ten manifestado en numerosas ocasións á miña muller, Christina, e máis a min-, expresa magnificamente o que eu tamén penso e veño expresando desde hai moitos anos. Penso que é o amor en liberdade o que leva á súa realización a cada persoa, máis que ningunha outra realidade humana, persoal, social ou cultural. Somos seres en relación, e sen esa relación de amor somos como as polas esgazadas dunha árbore, van secando. Un amor que ten mil facetas e mil expresións; amor físico ou espiritual, laico ou relixioso, amor gratuíto dos pais/nais aos fillos e dos fillos aos seus pais (agapé), amor dos amigos/as (filia) e amor apaixonado das parellas amantes (eros). Estes tres teñen mil variantes distintas e válidas, segundo as persoas e as culturas, afortunadamente distintas; tamén o amor da parella, hetero ou homo. Non é unha teoría, é un feito; cada quen nace coa súa orientación sexual, pero todos temos dereito a amar e ser amados tal como somos, e podemos realizarnos así. Non se poden nin se deben poñer portas ao vento. E a mensaxe do meu Mestre Nazareno resúmese claramente en: “Amádevos uns aos outros”.

Outros artigos
Outras voces