A pesar do papa jesuita-franciscano Francisco e a súa presunta revolución da Igrexa a prol dos ideais evanxélicos, e mesmo despois de ter elixido para un alto cargo no Vaticano a un antigo superior xeral da querida orden franciscana –para máis, galego-, a comezos de mes soubemos que pechaba o convento de Herbón, despois de seis séculos activo

 

A pesar do papa jesuita-franciscano Francisco e a súa presunta revolución da Igrexa a prol dos ideais evanxélicos, e mesmo despois de ter elixido para un alto cargo no Vaticano a un antigo superior xeral da querida orden franciscana –para máis, galego-, a comezos de mes soubemos que pechaba o convento de Herbón, despois de seis séculos activo. Era un dos máis emblemáticos conventos galegos, tan coñecido polos seus pementos como polas reas de franciscanos que alí se formaron. E non pecha -ou polo menos non fundamentalmente- porque quedaran poucos frades alí, senón por razóns políticas bastante menos evanxélicas.

"Era un dos máis emblemáticos conventos galegos, tan coñecido polos seus pementos como polas reas de franciscanos que alí se formaron"

E velaí que os xornais informaron -coma sempre- dun xeito ou de outro, segundo a súa adscrición política. O diario de meirande tirada de Galicia titulaba: “Herbón queda sin frailes. Un traslado deja el convento franciscano vacío”; e o diario da capital galega facíao con verbas semellantes: “El convento de Herbón cierra al reubicar la Orden a los dos frailes”. Pero a verdade é menos inocente que isto, e ten máis que ver cos manexos e manipulacións do alcalde-pp do concello de Padrón (Antonio Fernández Angueira), que lles fixo a vida imposible aos poucos frades que quedaban, ademais de envelenar a algúns veciños contra proxectos sociais que alí se tiñan. Por iso, outro xornal máis “progresista” titulaba a noticia: “Los franciscanos dejan el convento de Herbón en medio de una guerra vecinal".

O frade Roberto Freire, prior do convento, sabe moi ben as razóns ocultas deste peche e do seu traslado; a teimosía das forzas que se moven na escuridade chegou ao punto de envelenar –neste caso literalmente- os seus cans, por oporse ao alcalde e o seu bando. Trasladárono contra a súa vontade para O Cebreiro, por orde do padre José Antonio Castiñeira, provincial franciscano presumiblemente “tocado” polo alcalde e outros intereses pouco franciscanos... As autoridades franciscanas declararon publicamente que non había problema e que o convento sería “xestionado e atendido pastoralmente desde a fraternidade de Santiago”; pero non parece tal. De feito, os distintos proxectos e institucións que tiñan a súa sede nos distintos edificios do convento, saben que corren perigo de extinción. A saber: a Asociación de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar (AMIPA) e o proxecto de Casa de Acollida para nenos en situación de risco social (Viravolta), o proxecto dun Centro de Estudios Xacobeos e un Albergue de Peregrinos (este xa en funcionamento) promovido pola a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), o Instituto de Estudos Irienses (IEI), a Asociación cultural e medioambiental Sementar  e o Seminario Galego de Educación para a Paz-Fundación Cultura de Paz (SGEP). 

"A chave do peche está na solicitude de catalogación do Convento de Herbón cono Ben de Interese Cultural (BIC)"

Este último era o que tiña un proxecto máis ambicioso coa remodelación arquitectónica dunha ala do enorme edificio, e xa se viu de feito cominado a retirar o material que tiña alí almacenado; e isto despois do traslado hai só un ano, por ter que deixar o seu local de Santiago, a causa de quitarlle a Xunta e o goberno central as subvencións que lle permitiran ter local propio e facer tantos fermosos proxectos solidarios ao longo de máis de dúas décadas. O SGEP quería construír alí o “Lar da Paz”, un Centro Internacional pola Paz, base dun futuro Espazo-Museo, similar ao Museo da Paz de Gernika. Xa contaba co proxecto detallado do  arquitecto Pedro de Llano, que supuxera unha inversión non pequena para o cativo presuposto do Seminario; Patrimonio déralle o visto e prace, e, así mesmo, o Consello da Cultura Galega, a Universidade de Santiago e a Universidade de A Coruña manifestáranlle o seu apoio. 

A chave do peche está na solicitude de catalogación do Convento de Herbón cono Ben de Interese Cultural (BIC), feita polo convento e as asociación citadas. Isto permitiríalles levar adiante os proxectos de reforma no edifico; a declaración era crucial para lograr diversas subvenciones institucionais para as obras, incluído o 1% do Ministerio de Fomento. “Curiosamente”, a decisión de pechar o convento chegou cando aínda estaba pendente a declaración como BIC do edificio; o prazo da resolución do expediente rematou o pasado 23 de xullo, pero a Xunta aínda non comunicou a súa decisión de xeito oficial. 

Volvendo uns anos atrás, parece ser que no 2009, un grupo inmobiliario compostelán contactou coa orde franciscana para converter o edificio nun macrohotel de luxo. Na defensa do devandito proxecto de BIC, os frades e as asociacións que traballan no convento, tiveron que enfrontarse ao citado alcalde popular de Padrón e os seus sicarios, que puxeron en contra da resolución a un grupo de veciños: fixeran circular que a Xunta obrigaría a derribar galpóns e invernadoiros ilegais, que ninguén ía a poder poñer un ladrillo sen que mediasen mil quebradoiros administrativos, que os propietarios das plantacións de pemento terían que tapar a vista dos plásticos, etc. Seguramente, o que máis lles preocupa ao alcalde e os seu secuaces era o Plan Xeral e as operacións inmobiliarias previstas... E, declarouse a guerra entre veciños. Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, escribe no seu blog: “O Alcalde, Fernández Angueira, converteuse no principal antagonista desta película horrenda. Dirixe teimudo as súas presións contra Patrimonio e a Comisión Provincial... Alerta de graves conflitos no lugar, de división social extrema... Mesmo presenta alegacións fora de prazo e usa todas as súas influencias internas no PP... Caciquismo de manual”. Pero os veciños que non se deixaron manipular polo alcalde e as forzas escuras do concello  dicían en días pasados: “Coa decisión de levar a comunidade franciscana deste espazo, os veciños imos perder moita referencia persoal e vital e un traballo en rede que nos levou moito tempo poñer en marcha”.

"Na defensa do devandito proxecto de BIC, os frades e as asociacións que traballan no convento, tiveron que enfrontarse ao citado alcalde popular de Padrón e os seus sicarios"

O grao de presión foi especialmente duro para co convento e o seu Prior, Roberto, entusiasta defensor do proxecto común citado. Ademais dos cans mortos, o frades –que eran ultimamente cinco até hai pouco- recibiron chamadas anónimas nocturnas con ameazas.  “O alcalde presionou de forma tremenda ao provincial da orden para botar ao prior; esixiullo expresamente nunha reunión -manifestou Manuel Dios a un xornal-. E a orde pregouse aos seus intereses”. No seu blog citado, titulado precisamente “A paz é camiño…”, expón detidamente os pasos do proceso. 

Os franciscanos adoitan saudarse cun agarimoso “paz e ben”. E de san Francisco de Asís, o santo da paz e a ecoloxía, é una das beizóns máis fermosas, con resoanzas bíblicas (“O Señor te bendiga e te garde”); pero sobre todo unha fermosísima oración: “Señor, fai me din un instrumento da túa paz”. Nela di, entre outras cousas, que “onde haxa discordia, poña unión”; pero tamén que “onde haxa erro poña verdade” e “onde haxa tebras poña luz”. Pois iso, para que a luz da verdade venza as tebras da mentira e porque non pode haber paz sen xustiza e sen verdade, oxalá que estas verbas axuden a iluminar un conflito no que semella que outra vez venceron os obradores da mentira e da iniquidade, que dia Biblia; como lle aconteceu ao mesmo Xesús Cristo, a san Prisciliano e ao noso mártir Alexandre Bóveda. Pero non poderán cortar tódalas flores.



x