Cristianismo e galeguismo foron vividos, e aínda o son,  por moitas persoas galegas cristiás e non cristiás dun xeito absurdamente conflitivo; mesmo enfrontadas ou en relación sospeitosa e foron conciliábeis só con dificultade, particularmente desde a Guerra Incivil hespañola, co vergoñento posicionamento da Igrexa a carón do

Cristianismo e galeguismo foron vividos, e aínda o son,  por moitas persoas galegas cristiás e non cristiás dun xeito absurdamente conflitivo; mesmo enfrontadas ou en relación sospeitosa e foron conciliábeis só con dificultade, particularmente desde a Guerra Incivil hespañola, co vergoñento posicionamento da Igrexa a carón do bando fascista. Aínda que, como é sabido, o problema non é só entre galeguismo e relixión, senón entre ser [email protected] e o galeguismo como compromiso cun pobo, unha terra e unha fala. Mais a reticencia da Igrexa de Galiza ao compromiso co galego e con Galiza énos para moitas persoas particularmente sangrante. Como teño escrito en numerosas ocasións, fronte á necesaria Igrexa galega, hai unha Igrexa en Galiza, que se resiste a ser galega; e a Igrexa en Galiza foi un dos elementos máis desgaleguizadores da moderna historia galega, como dixo tamén sabiamente Castelao.

Mais é tamén certo que unha parte importante dela fixo moito e ben en Galiza a prol do pobo galego e a súa lingua, desde os comezos do galeguismo e xa antes. No meu libro Galegos e cristiáns, fago unha reflexión ao respecto e dou unha ampla nómina de persoas e colectivos que viviron unha intensa relación entre a fe cristiá e o compromiso con Galiza na historia galega e, sobre todo, no último século; relación intensa, mais tamén conflitiva. Nomes como o bispo Lago González (“Amando a Galicia amaremos a Deus e seremos profundamente relixiosos”), ou clérigos tan dispares como Saco e Arce, Amor Ruibal, Basilio Álvarez e leigos como Faraldo e Aguirre; os homes da xeración “Nós” (Cabanillas, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas…) e outros egrexios poetas e narradores como Noriega Varela, Iglesia Alvariño, Amado Carballo, Xosé Mª Díaz Castro ou Álvaro Cunqueiro. Máis perto de nós, clérigos, leigos e leigas ilustres e anó[email protected], desgraciadamente moitos deles xa finados mais outros ben vivos: o bispo Miguel-Anxo Araúxo e o xesuíta Xaime Seixas, os cregos Moncho Valcarce, Manuel Espiña, Antón Gandoi, Bernardo G. Cendán... intelectuais como Torres Queiruga, Chao Rego, Francisco Carballo… curas como Xosé A. Miguélez, Manolo Regal, A. Blanco Torrado, Xesús Mato... e monxas como Pilar Wirtz, Engracia Vidal, Amalia, Pepa… ou leigos e leigas como Manolo Beiras, Xaime Illa, Xesús Ferro Ruibal, Luz Pozo, Helena Villar Janeiro, Marica Campo... e outros moitos homes e mulleres cristiáns no nacionalismo, no movemento ecoloxista, pacifista e de cooperación co Terceiro Mundo, no movemento veciñal e cultural.  

Certamente, galeguismo e cristianismo son dúas realidades non só perfectamente conciliábeis, senón necesariamente vinculadas e complementarias en Galiza.

Esta realidade vai ser recoñecida nunha homenaxe ás persoas crentes-relixiosas comprometidas na defensa de Galiza, promovida por ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), xunto coa Asociación O Galo de Santiago, a Irmandade Moncho Valcarce e a colaboración de diferentes entidades cristiás (as asociacións “Irimia” e “Encrucillada”, a Coordinadora de Cristiáns Galegos, comunidades de relixiosas no mundo rural, etc.), o próximo día 22 de setembro. “Unha homenaxe que quere ser un acto de recoñecemento ás persoas que desde a fe cristiá e a convicción galeguista contribuíron á construción dun mundo mellor; para encher o baleiro que nos parece que existe no recoñecemento do labor, entrega e sacrificio dos cristiáns e cristiás que se situaron a carón do pobo para organizaren a súa defensa e a defensa da Terra que os sustentaba. Unha contribución que espera que sirva de xermolo para que o recoñecemento se estenda polo país”, escribiu Pepe Salvadores, de ADEGA, na revista Irimia. O acto terá lugar ás 5 da tarde na Eira da Xoana, unha casiña que ADEGA ten no centro xeográfico de Galiza, en Ramil, concello de Agolada; e comezará coa inauguración dunha placa nun monolito colocado a tal efecto con esta inscrición: “En recoñecemento a todas as persoas e comunidades cristiás: leigas e leigos, cregos, monxas, frades e monxes, que ao longo da nosa historia, honraron a Terra nai, unindo cristianismo e galeguidade”. Despois seguirá a intervención de diferentes persoas e colectivos relacionados co tema. E rematará coa ofrenda floral e unha intervención musical.

A homenaxe está cordialmente aberta á participación de todos e todas que queiran celebrar connosco ese día na Eira de Xoana (entre Melide e Agolada).

 



x