Non é novo o desprezo cara ao discurso na análise política, nomeadamente á hora de debullar determinados comportamentos electorais. Ao fío dos resultados do pasado 20D, lense e escóitanse algunhas valoracións que teiman en insistir nesa chave, como unha manifestación máis do paternalismo co que se adoita infantilizar –consciente ou inconscientemente-- o electorado.

 

Non é novo o desprezo cara ao discurso na análise política, nomeadamente á hora de debullar determinados comportamentos electorais. Ao fío dos resultados do pasado 20D, lense e escóitanse algunhas valoracións que teiman en insistir nesa chave, como unha manifestación máis do paternalismo co que se adoita infantilizar –consciente ou inconscientemente-- o electorado.

O "discurso" é o soporte conceptual no que se exprsa unha opción política

En grande medida, a nova sociedade tecnolóxica e da información acabou por darlle unha enorme preeminencia a aspectos aparenciais, non verbais, como a imaxe ou a linguaxe corporal. Diso non cabe dúbida. Na súa aplicación política este fenómeno, que non só se dá nesta etapa histórica --a dimensión simbólica e formal sempre existiu--, maniféstase como (sobre)escenificación. 

Malia que, en rigor, disociar estritamente discurso (verbal, nunha ou outra forma) de escenificación, é hoxe tan complexo como isolar de calquera palabra o significante do seu significado. No entanto, ese evidente entrecruzamento non supón que ambas as categorías teñan desaparecido. Non.

Como aproximación á definición dun termo tan complexo, para a cuestión que pretendo comentar, poderiamos cadrar en que “discurso” é o soporte conceptual no que se expresa unha opción política. E, malia que non o pareza, continúa a ser o soporte esencial para a mensaxe política e no que esta se concreta para ser transmitida.

Factores

En base ao fenómeno ao que fago referencia ao inicio, e que se sostén con diferentes argumentacións, o resultado, por exemplo, obtido por En Marea - Podemos o pasado 20D en Galiza, tería a ver co efecto multiplicador da propaganda (amplificada por un innegábel alento mediático), co acriticismo (ou papanatismo/seguidismo) do electorado e coa súa (simplista) posta en escena. Hai quen a eses, e outros factores, engade condicións que por seren previas a contenda electoral ou ao desenvolvemento dun actor político non serven para comprender, cando menos non completamente, un determinado comportamento electoral. Caso por exemplo do innegábel proceso de (re)españolización que padecemos, que vén xa de varios anos atrás.

Que é o que se propaga? Que se escenifica? Que se amplifica nos mass media? O discurso, claro. 

Non erran de entrada en enunciar todos eses factores, á marxe do acerto ou desacerto en como algúns se formulan, pois están presentes, senón en os isolar do factor discursivo, que malia ser na práctica central e determinante preséntase como residual. Ou, que é o que se propaga? Que se escenifica? Que se amplifica nos mass media? O discurso, claro. 

Antes de proseguir é preciso despexarmos un factor que distorsiona a análise. O do papanatismo. Ou en resumo, se a xente vota aparvada. Non entrarei en refutar esa consideración, que como pouco é simplista e inxusta por non atender fenómenos sociais como a alienación e por descoñecer tendencias sociolóxicas e ideolóxicas de fondo. Simplemente digamos que se trata dunha constante, que está presente sempre. Tanto cando o electorado vota a nosa opción e a fai medrar, como cando o electorado opta por outras. Xa que logo, ese papanatismo “acrítico” e presuntamente “irracional” e “aideolóxico”, de existir como tal, non serviría para explicar un resultado concreto, xa que atinxiría a todos en maior ou menor medida. A non ser, que acreditemos en que o povo apenas vota de maneira sensata cando opta por nós. Desculpade esta enunciación tan pouco científica, mais acho que moito máis didáctica para clarificarmos a ecuación a resolver. 

Explicación do voto

Sobre o debate paira unha pregunta central: por que a xente vota o que vota? Non hai explicacións sinxelas. E tanto a politoloxía, a socioloxía electoral e algúns estudos no campo da comunicación política, teñen procurado respostas (en plural) a esta cuestión. Hai quen refire a preeminencia da distancia entre a ubicación dunha determinada proposta nun eixo ideolóxico (esquerda-dereita, nacionalismo-centralismo, ecoloxismo-antiecoloxismo, feminismo-patriarcado, laicismo-confesionalidade...) coa autoubicación do electorado, ou en outras palabras en que posición se coloca nese mesmo eixo. Desde esa perspectiva elabóranse diagramas que serven para localizar, coma se fose un mapa, as zonas de contacto e influencia dos diferentes discursos sobre os diferentes electorados. Porque esa é outra cuestión: o corpo electoral non é nin uniforme, nin estático. É diverso e dinámico.

O "discurso" permite coñecer e identificar unha proposta política, para logo concordar ou discrepar dela.

Pola contra, hai quen asegura que a toma de decisións está fundamentalmente inducida polo sistemas de valores nos que se enmarca cognitivamente o electorado, e que responde a orientacións moi elementais (conservadores versus progresistas). Sexa como for, o seguro é que na escolla inflúe de maneira determinante o discurso no que se expresa unha ou outra proposta política, pois é o discurso o que permite coñecela e identificala, para logo concordar ou discrepar dela.

Narrativa

Todo discurso ten unha narrativa. Un xeito de se expresar e vehicular. Iso que se ten bautizado en inglés como storytelling, ou o xeito de contarmos/relatarmos para lograrmos conectar. A maneira na que se transmiten as mensaxes. Mais a narrativa, é tamén (e sobre todo), discurso.

É pois a combinatoria entre o “que” e o “como”, o que permite que sexa o discurso e non outra cousa o que incide na xeración de expectativas e de ilusión, na proxección de horizontes e posibilidades. Algo que acho é fundamental para comprender o que pasou o 20D. E faino non só con elaborados e sisudos conceptos, senón tamén botando man de elementos simbólicos e emocionais, da demagoxia ou da escenificación. E ao invés, non hai escenificación que funcione sen conceptos que proxectar. Sen ideas, sen propostas, sen mensaxe, non hai nada que escenificar.

Desprezar o discurso alleo lévanos a infravalorar os "rivais", lastrando a nosa capacidade de o contrastar, discutir ou refutar.

Poderemos xulgar politicamente máis profundos ou máis ocos os discursos, máis honestos ou máis falsarios, máis moderados ou máis transformadores, pero é un erro de calibre que impide termos unha análise clarificada, desprezar o discurso alleo (ou mesmo actuar como se non existise) pois é un primeiro paso, en falso, para acabarmos infravalorando os “rivais”(ou forzas en contenda), lastrando a nosa capacidade de o contrastar, discutir ou refutar. E sobre todo, cómpre non desconsiderarmos a importancia do noso discurso. Do seu acerto ou desacerto. Do seu grao de conexión coas expectativas sociais. Da coherencia cos nosos principios e práctica. Porque iso levaríanos a ignorar a súa relevancia para alargarmos o apoio popular á nosa proposta política e ao noso proxecto de transformación. Nada menos.

Reanalizando o proceso que desembocou nos resultados do 20D sobre as coordenadas discursivas, poderemos tirar importantes leccións en relación a aspectos exóxenos e endóxenos. Esenciais para aquilatarmos a nosa proposta a futuro. Non en chave de torpe transposición mecánica para mimetizar, nin tampouco para condicionar o noso discurso ao seu grao de éxito electoral conxuntural, senón para o adecuar para lograr o obxectivo de sumar máis persoas ás nosas posicións e propostas. Pois o discurso debe estar ao servizo do proxecto, non ao contrario.



x