Este 8 de marzo non será un máis. A convocatoria de folga de mulleres, impulsada en Galiza pola CIG, tenciona combater a banalización e ritualización do Día Internacional da Muller Traballadora. E farao enfatizando a matriz obreira desa data e afirmando a reivindicación en chave de mobilización e de conflito. Rompendo falsos consensos. Desvendando hipocrisías e cinismos. Combatendo, desde os centros de traballo até os fogares, pasando polo espazo público, a alianza criminal entre partriarcado e capital que sustenta este réxime de brutais violencias contra as mulleres.

 

Motivos sobran. Desde a desigualdade patente no ámbito laboral, en forma de desemprego, precariedade, parcialidade, menores salarios e maiores dificultades de promoción profesional. Até a invisibilización do duplo/triplo traballo que supón a asunción, forzosa, da meirande parte dos coidados no eido familiar e doméstico. E na cerna, a violencia directa, sutil ou brutal, que nenas, mozas e mulleres continúan a padecer cada día. A cada hora. A cada minuto. Desde o acoso até a violación ou feminicidio.  A folga de mulleres quer visibilizar o agochado. Sacudir conciencias e mobilizalas, superando o adormecemento da resignación. Poñer fin á frustrante asunción deste statu quo insoportábel.  Exixir a berros solucións, medidas concretas e feitos, en troca de xestos. Apostar en facer práctico e efectivo o compromiso pola plena igualdade efectiva en dereitos e oportunidades, forzando unha mudanza radical nas políticas que hoxe acaban por revitimizar as mulleres.

 

A folga do 8M afirma as mulleres como suxeito con vocación revolucionaria

 

A convocatoria é xa, arestora, un éxito. Non só polo alcance axitativo co que está a lograr colocar no primeiro plano cuestións que adoitan, sempre, ser secundarizadas ou postergadas, cando non ignoradas completamente. Senón, e sobre todo,  por afirmar as mulleres como suxeito. Como suxeito con vocación revolucionaria. Un cambio de paradigma que (nos) enfronta, aos homes, mesmo aos máis concientizados en chave feminista, diante da realidade de que a súa discriminación expresa por pasiva os nosos privilexios. E así, as voces femininas multiplícanse para gañar espazo nas asembleas, nos debates, nas decisións. Derrubando o monopolio discursivo e a hexemonización masculina do espazo público, e mesmo do organizativo. Con determinación, malia as resistencias e inercias. Ocupando, elas, o espazo que lles corresponde na primeira liña da loita. 

 

Esa é a primeira grande vitoria desta folga de mulleres, a de se afirmaren elas como suxeito e a de nos ter que asumir (os homes) por unha vez como predicado. Falta (nos) facía. 



x