Cuarta e última entrega desta serie de catro artigos coa que o autor se debruza sobre o socialismo, nas vésperas do centenario da Revolución Rusa de 1917 (25 de outubro segundo o calendario xuliano vixente naquela altura na Rusia zarista e 7 de novembro segundo o calendario gregoriano, o que rexe agora mesmo en practicamente todo o mundo)

1989 decretou a fin da historia. Despois dos movementos altermundialistas, os gobernos latinoamericanos disidentes do Consenso de Washington e a experiencia comunalista no Curdistán sirio, Rojava, a disidencia instálase en Estados Unidos e Reino Unido, cernes do imperio e da revolución conservadora.

1.-O xornalista estadounidense Harold Meyerson asina algúns dos seus artigos coa aclaración "un dos dous socialistas que podes atopar a camiñar pola capital da nación (o outro é Bernie Sanders, combativo e lendario senador polo estado de Vermont)". Ese estraño senador socialista estivo a piques de gañar as primarias do Partido Demócrata en 2016. O presidente do Comité Nacional Demócrata dimitiu despois de demostrarse parcialidade contra a súa campaña. Sen esa parcialidade probabelmente Sanders, cun grande apoio entre a clase traballadora e as persoas de menos de 40 anos, tería sido o adversario de Donald Trump. O 66 por cento d@s moz@s estadounidenses considera que as grandes corporacións "encarnan todo o que está mal nos Estados Unidos", o 58 por cento afirma que “o socialismo é un sistema máis compasivo que o capitalismo" (1). O programa de Sanders incluía educación universitaria gratuíta, sanidade pública universal, loita contra a mudanza climática, reforma migratoria, vacacións e baixas de maternidade pagadas para as traballadoras, fin das achegas das corporacións ás campañas electorais, un maior control de Wall Street e os bancos e a fin das rebaixas fiscais para os ricos. Que estas propostas acaden tal nivel de apoio popular sería imposíbel hai moi pouco nun Estado onde o movemento operario foi destruído pola acción "dos xornais, os tribunais, a policía, o exército e a violencia na rúa" (2) e a hexemonía ideolóxica capitalista parecía insuperábel. 

 

2.-A candidatura de Jeremy Corbyn á presidencia do Partido Laborista (LP) en 2015 concitou unha oposición unánime do establishment, medios de comunicación británicos e europeos, e a maioría dos deputados laboristas. Apoiado en 200 mil persoas organizadas en Momentum derrotou o ataque histérico das elites. Momentum propón “redistribuír a riqueza e o poder desde minoría á maioría” e "reverter a privatización dos camiños de ferro, o sector enerxético e os servizos públicos". Corbyn venceu. Acosado polo grupo parlamentar do seu propio partido decidiu pór o seu posto a disposición das bases e mellorou os resultados anteriores superando 60 por cento dos votos. As enquisas revelan unhas magníficas perspectivas electorais para o LP e a candidatura de Corbyn a primeiro ministro.

 

3.-Por primeira vez desde o comezo da revolución conservadora as elites e os seus aparatos de propaganda non controlan a vontade popular. Perden referendos, non son quen de impor os seus candidatos. Ábrese unha fenda na hexemonía ideolóxica do relato neocon e, incipiente, no dominio cultural do capital. Tan difícil coma sempre, a esperanza está na resistencia, na vontade de poder da maioría subalterna. Un dos nomes desa esperanza é socialismo.

 

Notas: 1. http://www.elnuevoherald.com/opinion-es/article84275542.html; 2.-Zinn, Howard, La otra historia de los Estados Unidos.



x