Segunda entrega desta serie de catro artigos coa que o autor se debruza sobre o socialismo, nas vésperas do centenario da Revolución Rusa de 1917 (25 de outubro segundo o calendario xuliano vixente naquela altura na Rusia zarista e 7 de novembro segundo o calendario gregoriano, o que rexe agora mesmo en practicamente todo o mundo)

Cinco características das sociedades europeas (e norteamericanas) as fan particularmente idóneas para unha organización socialista da economía e as relacións sociais:

 

1.-As grandes revolucións socialistas, Rusia-1917 e China-1949, realizáronse en sociedades moi atrasadas, unha industria incipiente nunhas poucas cidades rodeadas dun océano agrícola de moi baixa produtividade. En ambos estados a dirección revolucionaria optou por unha acumulación primitiva que recaeu sobre o campesiñado e o proletariado. En Europa-2017 as forzas produtivas están moi desenvolvidas, infraestruturas de transporte e comunicacións, industria automatizada, robótica, mecanización agrícola, tecnoloxías de información, ciencia de datos, fontes de enerxía diversificadas, sistemas de I+D.

 

2.-A forza produtiva máis decisiva, a capacidade intelectual dos seres humanos, acadou tamén un nivel extraordinario. Unha transformación socialista en Europa disporía de persoal cualificado para a xestión da economía e o Estado. Nunha escena de Invictus a secretaria de Mandela pregúntalle polo seu interese nunha selección multirracial. Madiba explícalle que os brancos posúen a capacidade de administración á que o novo Estado non pode renunciar. Os negros de Europa, as traballadoras e traballadores, posuímos unha enorme capacidade de goberno da economía e unha competencia científica e técnica incomparábel coa de ningunha outra época.

 

3.-Máis do 80% da poboación activa en Galiza son asalariadas e aínda máis se contabilizamos as falsas autónomas. As taxas de asalariado nas sociedades europeas máis ricas son superiores. Unha ampla maioría social pode estar interesada noutra organización da produción e a sociedade que beneficie os intereses da maioría non capitalista.

 

4.-As dúas grandes revolucións socialistas axiña se endureceron, restrinxiron e despois eliminaron as liberdades democráticas, as garantías xurídicas e a democracia. A URSS converteuse nunha sociedade totalitaria que non respectaba a dignidade do ser humano. En China o PCCh acumula todo o poder. As revolucións rusa e chinesa partían de tradicións despóticas centenarias ou milenarias. A democracia política en Europa asenta nunha experiencia secular e o socialismo debería perseguir a súa realización plena.

 

5.-Por último, sectores produtivos enteiros, entre eles os estratéxicos, presentan tal grao de concentración e centralización que farían tecnicamente doada a súa socialización. Enerxía, finanzas, produción de medios de transporte (automóbil, aeroplanos, industria aeroespacial, ferrocarrís), sistema de investigación, sanidade, educación, atención ás persoas dependentes poderían ser inmediatamente socializados e planificados.

 



x