Terceira entrega desta serie de catro artigos coa que o autor se debruza sobre o socialismo, nas vésperas do centenario da Revolución Rusa de 1917 (25 de outubro segundo o calendario xuliano vixente naquela altura na Rusia zarista e 7 de novembro segundo o calendario gregoriano, o que rexe agora mesmo en practicamente todo o mundo)

Unha sociedade socialista sería desexábel e posíbel e, ao tempo, extraordinariamente difícil de conseguir. Por que?

 

1.-A principal dificultade para a acción colectiva reside no subxectividade das clases subalternas. Máis de corenta anos de ofensiva planificada (V. Attack on American Free Entreprise System, 1971) conseguiron que o individualismo impregne as maiorías sociais. O consumismo substituíu os grandes relatos colectivos sobre a sociedade e o sentido, relixión, utopías políticas. A televisión, especialmente desde a autorización das cadeas privadas, modela, formata os nosos xestos, desexos e esperanzas. As aplicacións para teléfonos intelixentes secuestran a nosa atención. A familia Kardasian ten 100 millóns de seguidor@s en Instagram.

 

2.-A elite capitalista construíu unha estrutura moi complexa que a articula e unifica, Think Tanks, rede de medios de persuasión e comunicación de masas, organizacións de goberno da economía internacional, tratados de libre comercio. Produción de ideas, difusión e propaganda, transformación en lexislación e políticas. Un dispositivo que contrasta coa desintegración das organizacións autónomas das clases subalternas. Ningunha das novas propostas políticas pode compararse, aínda, cos partidos e sindicatos socialdemócratas e comunistas anteriores á revolución conservadora que agrupaban millóns de traballador@s e dispuñan dun completo sistema de comunicación que garantía a produción constante dunha cosmovisión disidente.

 

3.-De superarmos estes dous formidábeis obstáculos, calquera política realmente transformadora afrontará unha resistencia feroz por parte da elite dominante. A destitución ilegal de Dilma Rousseff, o sádico castigo aplicado a Grecia, a represión policial e xudicial contra o pobo catalán lémbrannos que o poder reaccionará con todos os medios que considere necesarios de os seus privilexios estaren en perigo. Que ameazas deberemos afrontar o día que decidamos, democraticamente, socializar a produción e distribución de enerxía?

 

4.-A nova economía e a nova sociedade necesariamente deberemos construílas mentres adaptamos o sistema económico, extracción de recursos, produción e consumo de bens e servizos, emisión de residuos, aos límites físicos do planeta Terra e reducimos e eliminamos as emisións de gases de efecto invernadoiro. Será un socialismo da austeridade incompatíbel coas pulsións consumistas e a crenza no progreso entendido como crecemento económico ilimitado.

 

Eis os enlaces coa primeira e segunda entrega desta serie de artigos.



x