O 6 de decembro de 2018 fará 40 anos da aprobación, en referendo, da vixente Constitución. Como lles ocorre ás persoas que chegan a esa idade, os textos legais tamén necesitan adaptarse aos cambios de toda condición que se producen ao longo da súa vida, se é que queren sobrevivir.

 

Unha desas adaptacións, transcendental e inevitábel, implica a reforma do Título VIII (“Da organización territorial do Estado”), a cal representa o principal reto para a convivencia amigábel e solidaria entre todas as nacións e rexións do Estado español. Con todo, existen outras posíbeis reformas, pode que menos complexas, aínda que non menos relevantes, que igualmente se deberían considerar.

 

O artigo 15, á vez que recolle o principal dereito fundamental, o dereito á vida, tamén contén o seu oposto, a pena de morte; cando así o dispoñan “as leis penais militares para tempos de guerra”. Na actualidade o Código penal Militar non contempla a pena de morte, pero iso non significa que fose expulsada do noso ordenamento xurídico, xa que amparándose no citado artigo o Congreso dos Deputados podería reinstaurala, mediante lei ordinaria, no caso de que España entrase en guerra con outra nación, ou con ela mesma. Unha posíbel redacción do artigo 15, adaptada á realidade social presente, podería ser a seguinte: “Todos teñen dereito á vida e á integridade física e moral, sen que, en ningún caso, poidan ser sometidos a torturas nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes. Queda abolida, en todo tempo e lugar, e baixo calquera circunstancia, a pena de morte” (a letra grosa corresponde ao texto modificado, respecto ao vixente, que propoño).

 

Na actualidade o Código penal Militar non contempla a pena de morte, pero iso non significa que fose expulsada do noso ordenamento xurídico

 

Concomitante coa cuestión anterior, sería moi oportuno incorporar ao Capítulo II (“Dereitos e liberdades”), na súa Sección segunda (“Dos dereitos e deberes dos cidadáns”), á vez do artigo 30, cuxo teor literal reza: “Os españois teñen o dereito e o deber de defender España”, un novo artigo que podería formularse do modo seguinte: “Todos os cidadáns teñen o dereito e o deber de contribuír á paz”. O termo “cidadáns” non fai referencia aos afiliados, simpatizantes ou votantes de ningún partido político, senón a todas as persoas que vivimos no que oficialmente se denomina Reino de España e inclúe, como non podería ser doutra forma, os dirixentes políticos do conxunto do reino, os membros dos seus diferentes gobernos, os deputados dos distintos parlamentos, os senadores, o xefe do Estado, e todos os integrantes de calquera outros poderes públicos.

 

Por último, deberíanse perfeccionar as institucións de democracia directa, como a iniciativa lexislativa popular e o referendo consultivo, reguladas nos artigos 87.3 e 92 respectivamente; pois están recollidas moi mesquiñamente na Norma Suprema española. Canto á iniciativa lexislativa popular, está prohibida para aquelas materias de auténtica relevancia política, como son os dereitos fundamentais e as liberdades públicas, e os asuntos tributarios e de carácter internacional, ademais da proposta de reforma constitucional. Polo que se refire ao referendo consultivo para adoptar decisións de especial transcendencia, tan só pode ser iniciada a súa convocatoria polo presidente do goberno de España, non polo Congreso dos Deputados nin polo Parlamento de ningunha Comunidade Autónoma. Por suposto, tampouco polos cidadáns.

 

É de esperar que cando chegue a citada efeméride, e aínda antes, os máximos responsábeis políticos teñan a necesaria altura intelectual e humana que lles faga ser conscientes de que a liberdade é, tras a vida, o valor e o dereito fundamental de toda persoa e de todo Estado de Dereito verdadeiramente democrático.



x