O Juan Sebastián Elcano é un Buque Escola que serve de formación para estudantes da Escola Naval Militar, sobre todo no seu cuarto ano de carreira militar. Tamén ten unha función diplomática na política exterior española, sendo así, segundo o propio ministerio de Defensa español, o “barco máis representativo e coñecido da Armada en España”. O seu persoal está formado en varios centros galegos, como a Escola Naval Militar de Marín, a Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña (La Graña, por certo, segundo a páxina oficial da Armada Española) ou a Escola de Especialidades Antonio Escaño de Ferrol.

Este insigne barco saíu á luz pública no ano 2014, cando se lle incautaron 127 kg de cocaína por valor de máis de 4 millóns de euros na ría de Pontevedra; vimos de saber, ademais, que o fiscal antidroga de Nova York revela nun informe que o Elcano tamén servía para fornecer de cocaína e máis heroína aos EEUU, nada máis e nada menos que en Manhattan. 

A todo isto se engade, segundo declaracións de varios tripulantes, que a existencia e transporte de drogas no barco non foi unha cousa excepcional, senón que estaba “á orde do día”.

Así pois, semella que este “representativo” barco da Armada española non servía só á patria, senón que era o vehículo de narcotraficantes latinoamericanos e españois para facer moitos cartos mediante un dos aparellos máis importantes do Estado, o exército. 

Semella que este “representativo” barco da Armada española non servía só á patria, senón que era o vehículo de narcotraficantes latinoamericanos e españois

Esta noticia, comparada con outras, como o proxecto armamentístico norcoreano ou a “realidade” política venezuelana (ás que nos vemos sometidas, por non dicir bombardeadas, polos mass media estatais), tivo unha difusión bastante curta.

Semella, pois, que ó señor Cebrián ou á señora Botín non lles interesa tanto os trapicheos do exército español coa droga como o último discurso do presidente (mal que lles pese a algunhas persoas) Maduro. Todo isto lévanos a preguntarnos, unha vez máis, para que serve realmente o exército español.

Pois ben, para comezar, o Estado español pertence á North Atlantic Treaty Organization, máis coñecida coma OTAN, esa organización que o señor X nos vendeu nos oitenta coma símbolo de defensa e integración europea e que serve realmente para manter e defender os intereses xeopolíticos dos EEUU ou, mellor dito, das súas clases dominantes, constituíndo unha ferramenta de lexitimación e para exercer a súa influencia a nivel mundial. Deste xeito, non é nada novo vermos o exército español participando baixo o marco da OTAN e as súas alianzas en guerras con claros intereses imperialistas, como no caso do Iugoslavia, Libia ou Afganistán. Este tipo de intervencións provocaron unha profunda inestabilidade nestes países, que, xunto co financiamento e armamento das grandes potencias occidentais, fixo xurdir e asentarse as diferentes pólas do fundamentalismo islámico, que todos os líderes occidentais se afanan agora a condenar. Non sabemos se a industriaarmamentística española, por certo, unha das dez máis grandes do mundo e entre as catro primeiras a nivel europeo, terá algo que ver; o que si sabemos é que esta industria tan ben relacionada co exército (que lle merca a maioría do seu armamento) e co goberno español (lembremos o ex-ministro de Defensa Morenés) ten íntimos vínculos con réximes que lonxe están de respectar os dereitos humanos, como Arabia Saudita ou Israel.

O Estado español pertence á North Atlantic Treaty Organization, máis coñecida coma OTAN, esa organización que o señor X nos vendeu nos oitenta coma símbolo de defensa e integración europea

E quen pagou os custos das andanzas militares occidentais (con importante participación española, si) en Oriente Medio? Pois foron as clases traballadoras destes países, que se viron sometidas á guerra, á persecución política e relixiosa e, finalmente, á condición de buscar refuxio alén do seu país (as que
puideron). Mais tamén, non esquezamos, se pagou caro no Estado español, cos atentados nas cercanías ferroviarias, paradoxalmente, un medio de transporte que ningún dos verdadeiros responsables destas guerras imperialistas empregaría nunca. Así pois, unha vez máis, as clases traballadoras, alén do mediterráneo e en chan europeo, pagan as consecuencias do imperialismo.

Mais non se limitan as funcións do exército español unicamente a servir os intereses imperialistas ianquis e europeos, nin a traficar droga dunha punta a outra do Atlántico, tamén ten outras importantes tarefas. O exército español é a última ferramenta que ten o Estado para manterse e impedir unha posible (e probable) independencia dos pobos que oprime. Deste xeito, é importante lembrar que ten a función de gardar a Constitución española, como o propio artigo 8 desta carta establece, proclamándose así defensor da “indisoluble e indivisible unidade de España”. O exército español é así garante, en definitiva, do cárcere de pobos que supón o Estado español, disposto e resolto a, en último caso, empregar a forza armada contra calquera proceso democrático de independencia que se poida realizar no seu seo.

O exército español é así garante, en definitiva, do cárcere de pobos que supón o Estado español

Así mesmo, tamén representa o españolismo máis rancio, fascista e machista do Estado, con penoso (e carísimos) desfiles en días como o 12 de Outubro, aquel día no que moitas non temos nada que celebrar, mentres o Estado e o exército seguen festexando o que foi chamado durante moito tempo “día da raza”.

É por todas estas razóns, e algunha máis que non se mencionan (malia que calquera delas por si mesma sería suficiente), polas que é preciso denunciarmos a presenza deste exército criminal e imperialista no noso país, como no caso dos soldados da Brilat, a Brigada Galicia VII do exército, que ten a súa base en Pontevedra dende hai máis de 50 anos; ou tamén o caso das centros de formación do Elcano, ese barco narcotraficante (deste tipo de barcos coñecemos ben neste país, non si, señor Alberte?) onde todo o mundo sabía o que pasaba mais ninguén dicía nada. Así, semella cada vez máis evidente a necesidade de traballo e organización para botalo fóra, dunha vez por todas, desta terra que leva avasalando dende a doma e castración; porque, se temos claro que queremos un país ceibe de imperialismo, machismo e narcotráfico, o primeiro paso é botar fóra ó exército español.



x