As proclamas, loitas e mobilizacións que se levan feito para construír un sistema educativo acorde ás necesidades e realidades históricas do momento, son unha constante na nosa Historia máis recente e non tan recente. Son, en moitos casos, xerme de cambios a mellor, da introdución de melloras que contribuíron a crear escolas, universidades e, en xeral, unha educación máis accesible e de maior calidade. O progreso, neste caso da educación, non é resultado do paso do tempo sen máis, senón das forzas que hai detrás, dun compromiso de transformación social no que a esquerda sempre foi a vangarda, e do que nós somos herdeiras.

As nosas fortes conviccións, expresadas na nosa vontade transformadora, veñen dadas por unha serie de problemas derivados da nosa realidade, que analizamos en clave nacional e social. Froito desta análise xorden unha serie de responsabilidades que nos impiden quedarnos de brazos cruzados cando se promulgan leis e decretos involutivos, froito doutra época e doutras realidade non acordes ca situación actual. Situación que require dun fomento do ensino público e gratuíto como garante dunha educación digna e universal; dun impulso á lingua galega como garante da diversidade e a riqueza cultural ante as imposicións reaccionarias e intransixentes do españolismo, encarnado polo Partido Popular; dunha reformulación do sistema universitario galego, gañando en calidade o que se perde cunha competencia insá; dunha volta a vellas proclamas como a necesidade dun ensino científico, xa que reaparecen, outra vez (se algunha vez deixaron de estar presentes), pseudociencias en diversos campos de estudo. Pero sobre todo, o eixe fundamental sobre o que rota o descontento da inmensa maioría do estudantado neste país é a implantación, mal e arrastro, dunha lei de educación retrógrada, capaz de dar máis pasos de cego na construción dunha educación pública de calidade, a LOMCE. Mais non somos inxenuas. Sabemos por quen foron implantadas estas medidas e a que intereses responden. Sabemos que mentres desmantelan o ensino público e relegan ao galego a situacións marxinais, danlle azos á unha educación privada, exclusiva e clasista, onde curiosamente a Igrexa aínda ten algo que dicir.

Pero tamén sabemos como responder á situación de precariedade e discriminación do ensino e a lingua galega, e aos continuos ataques que contra un sistema educativo accesible ás clases populares galegas se perpetúan dende o Estado e os poderes fácticos. Galiza Nova sempre estará loitando pola conquista dun ensino público e galego, científico, antipatriarcal e popular, e sempre apoiará a aquelas organizacións no ámbito estudantil que, como neste caso fai Erguer o 16 de Febreiro, convoquen xornadas de mobilización baixo uns parámetros nacionais e de clase. Polas coordenadas nas que se move, Erguer é referencial dentro da Xuventude organizada do BNG, e polo tanto faise un chamamento ás estudantes galegas a secundar e a participar activamente nesta xornada de loita, importante, como tantas outras, para dar visibilidade ás nosas necesidades e para demostrar que nin ca Lei Mordaza poderán calar a voz das estudantes.



x