Saltar ao contido
4:35 h. Domingo, 26 de Outubro do 2014

Opinión

Xavier Campos

Xavier Campos

Concelleiro en Ribadeo e membro da Executiva Nacional do BNG. Xestor cultural
Vota:

Un tempo novo no BNG

A política sistémica, a monarquía, a xustiza, o sector financeiro e empresarial, o modelo administrativo e territorial, ... todo o conxunto de elementos centrais do actual réxime están hoxe en cuestión a ollos da grande maioría, coa corrupción transversal que os afecta como corolario do proceso de decrepitude que a cidadanía percibe cada vez con maior claridade. Estaremos todas e todos, agardo, de acordo nisto.

De igual maneira poderemos estalo na relación evidente que as crises económica e política tiveron e teñen coa crise do nacionalismo. O acontecido nos últimos anos no seo do BNG non se explica sen repararmos na agudización das contradicións internas que se deron, no ideolóxico e no político, fronte a esta realidade social removida por enteiro.

Non nega isto -e convén reafirmalo, para evitar lecturas tendenciosas- a existencia de causas endóxenas que teñan contribuído á nosa situación actual. As dinámicas de partes, principalmente, existiron e coadxuvaron gravemente ao deterioro da vida interna e da imaxe social do BNG. E desa maneira foron analizadas, colectivamente e con autocrítica explícita, no marco do proceso de debate propónconnosco.

"Para alén da cuestión interna, a crise xeral sistémica afectou claramente ao campo do nacionalismo, axudou a rachalo por dentro"


O que queremos dicir, en definitiva, é que para alén da cuestión interna, a crise xeral sistémica afectou claramente ao campo do nacionalismo, axudou a rachalo por dentro, tivo claramente a ver cos resultados electorais duns e doutros e vai resultar tamén determinante –en función da dinámica que sexamos quen de marcar en relación a ela- na construción do noso escenario futuro.

Un tempo de transición

Porque o tempo actual é, pensamos, un tempo de transición. Éo xa a nivel social, derivado da perda de lexitimidade das institucións e dos modelos de representación. E éo, igualmente, no campo do nacionalismo, inmerso nunha situación de dispersión organizativa e de desorientación ideolóxica que se mantén aberta a variacións. Nun e noutro caso o que está por vir non o sabemos, mais sabemos que tamén de nós vai depender, na medida das nosas forzas, orientar os procesos nunha ou noutra dirección.

Non é indiferente, pois, que mentres ese proceso de fondo avanza sexamos capaces de xestionar con acerto as ferramentas políticas que hoxe temos, asumindo desde o comezo que todas –a comezar pola nosa, o Bloque- viven neste momento contradicións, dúbidas, debates de calado e unha coexistencia conflitiva de elementos propios do vello que morre e doutros incorporados do novo a emerxer.

No horizonte compartido por moit@s, en todo caso, semella albiscarse a necesaria creación dun suxeito político novo, capaz que dar resposta ao escenario xeral que se poida abrir a nivel político e social. Dun ou de varios, porque en realidade todo indica que o tempo vai ir clarificando posicións e conformando paseniño dous polos diferenciados. Grosso modo: un asentado no soberanismo e na esquerda, o outro no galeguismo e na socialdemocracia.

"No horizonte compartido por moit@s, en todo caso, semella albiscarse a necesaria creación dun suxeito político novo, capaz que dar resposta ao escenario xeral que se poida abrir a nivel político e social".

Eses dous polos, é importante recoñecelo, non teñen hoxe reflexo directo, unívoco, en ningunha das organizacións existentes. Ou dito doutro xeito: non hai adscrición organizativa clara e directa entre as siglas e organizacións actualmente existentes e a defensa dos proxectos ideolóxico-políticos citados. Sendo así, o lóxico é que no futuro inmediato o proceso de reordenación partidaria da militancia de moitas persoas continúe xerando mudanzas nas organizacións e colectivos hoxe existentes.

Ideas, persoas e siglas

A nivel particular, penso que este é tempo máis de ideas e persoas que de siglas.

Cando digo ideas refírome aos contidos centrais da nosa posición: a defensa da soberanía como condición indispensábel para a transformación social, para o desenvolvemento económico, social e cultural, para o benestar das e dos galegos. É vital que a soberanía forme parte dos contidos centrais do bloque social crítico que quere dar pé a un novo proceso constituínte. É vital para nós que, á marxe de siglas e de resultados electorais, cada día máis xente asuma e defenda que sen dereito a decidir non hai democracia merecente de tal nome nin tampouco posibilidades de progreso para Galiza.

É vital, dicimos, pero ademais, é posíbel. A agudización das diferenzas sociais está a provocar que máis xente tome cada día consciencia política. Á marxe dos partidos sistémicos e desde a desafección profunda co existente, está a darse unha importante toma de consciencia, especialmente por parte da xente moza. Teñamos claro o seu potencial transformador, e teñamos claro que as nosas posicións poden avanzar socialmente aínda que as nosas siglas desta hora non o fagan. Para o conseguirmos, debemos de nos esforzar para que as nosas ideas formen parte dos contidos centrais dese bloque social crítico, dese espazo social de ruptura que se está a conformar. E creo, sinceramente, que estamos no camiño axeitado. A actuación do BNG da Coruña no desafiuzamento a Aurelia Rey e o exemplo dado, nas formas e no fondo, polos compañeiros Carril e Jorquera son, neste sentido, unha boa referencia de por onde pasa hoxe o latexo da rúa ao que nos temos que volver acompasar.

"As nosas posicións poden avanzar socialmente aínda que as nosas siglas desta hora non o fagan".

Pero ademais das ideas, as persoas. A militancia, as e os simpatizantes, os centos de galeg@s que algún día estiveron activos e ilusionados connosco e que forman parte, dunha ou doutra maneira, do amplo corpo social do nacionalismo. Recollendo a análise coa que Manuel Mera se ten referido á crise do nacionalismo dos anos 1980-81 (finais da Transición e consolidación do réxime saído dela) debe preocuparnos que a lóxica desorientación e as dúbidas de como seguir adiante, no marco incerto que hoxe se está fraguar, non supoña perda de militantes, cadros, simpatizantes, etc, que queden polo camiño e abandonen o activismo e a militancia.

Un BNG útil, activo e revitalizado

Precisamos un BNG revitalizado internamente e socialmente útil e activo, sobre bases e prácticas novas. Diciámolo antes e non hai contradición co que vimos de dicir ao redor das ideas e das persoas. A consciencia de estarmos nun tempo de transición non só non permite relaxamento, senón que obriga mesmamente ao activismo. Porque non é indiferente nin para o futuro de Galiza nin para o futuro do nacionalismo que nós sexamos quen (ou non) de reforzar o BNG, de facer que recupere socialmente a credibilidade perdida, de conseguirmos que volva xerar ilusión cara dentro e cara fóra.

O interese, participación e compromiso colectivo cos debates que vimos dando desde os resultados electorais das autonómicas -abertos e francos como había ben anos que non tiñamos- indican que somos conscientes dese feito. Durante todo o proceso #propónconnosco foi evidente, nos contidos abertos dos diferentes documentos e nas formas inclusivas nas que os debates se deron, a responsabilidade e o ánimo construtivo co que actuou a grande maioría da militancia do BNG, facendo achegas e propostas até superárense en número as 150. Nese protagonismo da militancia, da base, das asembleas locais e comarcais, radica igualmente, pensamos, un dos eixos centrais do tempo vindeiro.

"Nese protagonismo da militancia, da base, das asembleas locais e comarcais, radica igualmente, pensamos, un dos eixos centrais do tempo vindeiro".

E así até chegarmos á próxima Asemblea Nacional, que non pode ser –sabémolo- unha máis. Manifesto aquí, porque xa o fixen primeiramente na miña asemblea comarcal, a valoración positiva que me merecen os textos a debate, uns textos que apostan con claridade por cinco cuestións que para min resultan cruciais: unha estratexia e unha liña política clara e diferenciada fronte á crise política e económica que vivimos, o favorecemento da unidade do nacionalismo desde a posta en marcha de dinámicas conxuntas, a renovación das formas de traballo social e institucional, un modelo organizativo que recupere para as bases o protagonismo e que defenda a unidade interna a partir da diversidade e, finalmente, a consciencia da necesidade de darmos a nivel social a batalla das ideas e de atrevérmonos a discutirlle, con intelixencia e audacia, a hexemonía ideolóxica á dereita e ao españolismo.A partir destes contidos, e acompañados dunha renovación dos referentes públicos e das equipas de traballo –crucial para a visibilización social de estarmos a abrir unha nova etapa- poderemos comezar a construír, xunt@s, un novo BNG para unha Galiza nova: soberana, republicana, laica, democrática e social.


Xavier Campos

 

Outros artigos
Outras voces